
No autobús viaxaban 17 pasaxeiros e tan só unha persoa resultou ferida. Tampouco foi preciso o seu traslado, o persoal sanitario que derivou ao punto o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, atendeu á persoa no mesmo lugar dos feitos.
Foi un dos pasaxeiros quen, sete minutos despois das 15:00 horas deste sábado, contactou co 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que o autobús se saíra da vía, á altura de San Xusto, na AC-543, quilómetro 25, no concello de Lousame. Engadía ao seu relato, que as portas do bus quedaran contra un muro e que os pasaxeiros non podían saír.
Con estes datos, desde o 112 informouse decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Boiro, aos membros do GES de Noia, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Unha vez no punto, os membros do GES indicaron ao 112 Galicia que os 17 pasaxeiros do autobús estaban todos fora do vehículo, posto que puideran saír por unha das portas laterais. Todas as persoas estaban ben, excepto unha, que foi atendida polos profesionais sanitarios no mesmo lugar dos feitos. O resto dos pasaxeiros puideron continuar a marcha. Algúns dos pasaxeiros foron recollidos polos familiares que se desprazaron ao punto en coches particulares, o resto, continuou o seu destino noutro autobús que a compañía derivou ao lugar.
O persoal do servizo de mantemento da estrada encargouse de sinalizar o vehículo sinistrado, que quedou fora da vía á espera dunha guindastre para a súa retirada.



