O Concello de Rianxo ten preparado un dispositivo para, ante os ventos predominantes do suroeste (dende mar cara a terra e entrando de cheo pola ría de Arousa) e coa previsión de entrada de novas borrascas ao longo de toda a semana, a posíbel chegada de granulados (pélets) ao litoral rianxeiro.
Para este fin, o Goberno local está a mobilizar todos os recursos dos que dispón e retirando dos areais os restos de vexetacións morta e outros residuos que se acumularon durante as últimas semanas. “Todos os días revisamos os areais do noso municipio e a día de hoxe non se detectou a chegada de bólas plásticas ou residuos vencellados ao vertido do Toconao, mais debemos de estar preparados por se chegan nas próximas xornadas cos ventos do sur que se agardan”, afirmou o alcalde Julián Bustelo. O Concello lembra á cidadanía que ante a chegada de vertidos deben pórse en contacto co Consistorio a través do teléfono 609 86 22 22.