
A portavoz nacional e candidata do BNG nas vindeiras eleccións, Ana Pontón, visitou este martes 9 de xaneiro as praias do Parque Natural de Corrubedo (Ribeira), para comprobar a incidencia da marea de bólas plásticas no medio natural, que segue a ser grande, especialmente en concellos como, precisamente, o de Ribeira. Dende alí convidou ao presidente Rueda “a aparcar intereses partidistas” e a subir xa o nivel de alarma no plan anticontaminación (ao nivel 2) para que “Galiza poda contar con máis medios para a limpeza das praias afectadas pola marea de plástico”. Pontón exixiu ao presidente “unha resposta á altura das circunstancias, deixando a un lado o pim pam pum que mantén coa Administración do Estado para antepoñer a defensa dos intereses dos galegos e as galegas porque”, advertiu, “non é o momento de confrontacións estériles e inútiles”.
Pontón lembrou que pedir a activación inmediata no nivel medio que se contempla no plan de continxencia de loita contra a contaminación marítima abre o camiño para afrontar unha loita integrada e coordinada contra a contaminación, que afecta especialmente a espazos protexidos como Corrubedo. A candidata do BNG alertou de que non elevar o nivel de alerta pode ser “prevaricación” posto que a Xunta non están tomando as decisións acorde coa gravidade do problema. “Non se poden poñer os intereses electorais por diante da atención a unha emerxencia ambiental como a que estamos vivindo e que afecta a un sector, o do mar, que é fonte de traballo e riqueza para toda Galiza”, dixo.
Pontón aproveitou a súa visita a Corrubedo para demandar de novo a Alfonso Rueda que “acuda con urxencia ao Parlamento a explicar a xestión do seu Goberno nesta crise e dea conta de que medios vai poñer en marcha para a limpeza das praias”. Ademais, reclamou tamén ao Executivo galego que “faga público o informe do que se valeu a vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez, para asegurar que os gránulos que están chegando á costa do país non son tóxicos nin contaminantes”.
Criticou o que considera “unha estratexia de manipulación e ocultación do PP” e insistiu “no dereito dos galegos e as galegas a ter toda a información”, ao tempo que lembrou que a Fiscalía de Medio Ambiente apunta aos pellets como residuo potencialmente tóxico”. Pontón aludiu neste sentido á contaminación que xeran os plásticos no medio natural e ao risco de que afecten á fauna marítima e terrestre.
A portavoz nacional, que estivo acompañada polo alcalde de Ribeira, Luís Pérez, engadiu que o PP está, na súa opinión, “aplicando nesta crise a mesma estratexia que durante a catástrofe do Prestige, primeiro oculta o problema, despois intenta minimizalo, máis tarde intenta responsabilizar a outras administracións e a continuación recorre á manipulación e á propaganda informativa”.
Tamén tivo tempo par agradecer o labor que están a facer os concellos e os voluntarios que están a colaborar na limpeza das praias.
Ribeira informou á Xunta o 13 de decembro
Pola súa banda, o alcalde de Ribeira confirmou que este Concello comunicou o 13 de decembro á Consellería de Medio Ambiente “que se estaba producindo esta catástrofe” e que dende ese mesmo momento a Administración local mobilizou os recursos municipais que tiña dispoñíbeis como a brigada de emerxencias e o servizo de recollida de lixo que, segundo recalcou, “estiveron literalmente varrendo as praias”.
Luís Pérez cifrou en 75 os sacos de material vertido recollidos ata o momento nos areais deste concello, que está vendo afectado zonas de especial valor ambiental e “sen, ata o momento, recibir a axuda nin da Xunta, nin do Goberno estatal”, dixo, engadindo que “precisamos recursos” e facendo un chamamento a ámbalas dúas administracións para que non deixen sós aos concellos afectados. Criticou á conselleira de Medio Ambiente que na súa visita a Ribeira non tivera “nin a decencia de avisar ao Goberno municipal para atallar esta grave crise ambiental”.
E engadiu: “Gustaríame preguntarlle ao señor Villares (en referencia ao titular desta consellería) se na vez de ser boliñas diminutas de plástico fora chapapote, tamén sería competencia dos concellos afrontar unha crise ambiental deste nivel en solitario?”, interpelou para concluír que “creo que non”.



