Os peritos responsabilizan o capitán do Pitanxo: “Puxo en grave risco a seguridade do buque e os seus tripulantes”

31 Xaneiro 2024

O informe pericial elaborado tras analizar as imaxes da baixada ao pecio do Villa de Pitanxo desmontarían a versión do patrón do barco, Juan Padín, apuntando cara a un “erro humano do capitán” como “causa máis probable” do afundimento do buque.    

Tras visionar centos de vídeos gravados no barco afundido, as conclusións dos peritos xudiciais reforzan as sospeitas e teses dos primeiros momentos e que foron defendidas polas familias dos 21 tripulantes desaparecidos e tamén polo mariñeiro Samuel Kouffie que ía no barco e salvou a vida: a responsabilidade foi do capitán.

O informe definitivo non ve posible que houbese unha parada repentina do motor e que escorase, como argumenta o patrón José Enrique Padín, investigado polo xuíz Ismael Moreno por 21 presuntos homicidios por imprudencia grave. Os datos das investigacións feitas no lugar do afundimento este verán botarían por terra tamén as afirmacións do capitán, que aseguraba que esa parada do motor fora ás catro da madrugada.

O informe asegura que, polo menos, a máquina estivo en marcha uns quince minutos despois. Dentro de quince días fará tres anos do afundimento do Villa de Pitanxo en augas de Terra Nova.

As conclusións deste documento sinalan que, de acordo a “datos obxectivos” e ás circunstancias analizadas, “conclúese que a causa máis probable do afundimento do buque foi un erro humano do capitán, pola falta de percepción cabal do risco de afundimento que supoñía a manobra que realizou para librar o embarre do aparello do fondo mariño”.

Segundo o informe, Padín puxo en “grave risco a seguridade do buque e os seus tripulantes” ao realizar esa manobra, “co mar e o vento de popa e o depósito de descarga de desperdicios aberto”.

En segundo lugar, os peritos consideran un factor contribuínte do accidente a demora coa que o capitán deu a orde de abandono do buque á tripulación, “o que condicionou que puidesen realizar o abandono de forma ordenada e con algunha probabilidade de éxito”.   

“Constatación deste toda esta loita mereceu a pena”

O avogado das familias das vítimas, Manuel Lampón, sinalou que este informe “corrobora” o que sempre mantivo durante a instrución. “Confírmase que a versión correcta era a de Samuel”, sinalou o letrado.

Lampón sostivo que a peritaxe encargada polo xuíz que instrúe o caso, Ismael Moreno, titular do Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional, confirma que o capitán “non deu a orde de evacuación do barco como había que dala”.

Tamén que o motor do Villa de Pitanxo “non parou como dicía el”, senón que seguiu funcionando “practicamente ata o final do afundimento”.

A empresa armadora, o Grupo Nores, tamén tería “responsabilidade última” neste sinistro, engadiu o avogado, pero “por outras cuestións” que non detallou, xa que segundo dixo aínda non tiveron moito tempo e están a examinar o informe.

As familias sosteñen que este informe é “moi positivo” porque as súas conclusións “van na mesma liña” que o informe de parte que encargaron e que elaborou un equipo multidisciplinar “que leva traballando xa moitos meses” nas súas conclusións.

Lampón reiterou que o informe xudicial demostra que a operación para baixar ao barco foi “fundamental” para esclarecer o naufraxio, xa que pon de manifesto aspectos sobre “os que antes só se podería especular e que poderían xerar certa dúbida ou certa falta de seguridade”.

“As imaxes do barco reforzan as conclusións que, dalgunha maneira, xa os nosos técnicos intuían”, sinalou o representante legal das familias, que lembrou que o informe está sustentado en probas documentais e gravacións “de todo tipo”.

A portavoz das familias, María José de Pazo, destacou que “hoxe é a constatación deste toda esta loita mereceu a pena e que era necesario baixar ao barco para mostrar con probas o camiño da verdade do que realmente sucedeu”.

De Pazo confía en que este informe contribúa a que os 21 falecidos, dos cales doce continúan desaparecidos, “poidan descansar en paz” e que se aclaren os motivos do naufraxio “con probas e indicios claros”. 

Outros artigos

Xoves 10, chuvascos diminuíndo cara a noite e lixeira baixa térmica

Na xornada do xoves agárdanse intervalos nubrados con chuvascos intermitentes, máis frecuentes no oeste pola mañá e no interior nas horas centrais do día, remitindo cara á noite. As temperaturas sufrirán un lixeiro a moderado descenso. Os ventos soprarán frouxos,...

+

O Concello de Ribeira insta á Xunta a dragar o porto de Santa Uxía

O pasado luns 30 de setembro celebrouse o pleno ordinario da Corporación do Concello de Ribeira onde o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes presentou unha proposición cun amplo expediente onde se detallou o precario estado de mantemento e conservación que presentan...

+

Achan cadáver flotando no mar en Rianxo

Esta tarde, ao redor das catro, foi localizado o cadáver dun home flotando no mar, á altura de Punta Abuín, na desembocadura del Río Ulla, na parroquia de Leiro. Aínda que aínda falta a confirmación oficial, sospéitase que podería tratarse de Félix Triñanes Sánchez,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La hemeroteca y la realidad”. José Castro López

“La hemeroteca y la realidad”. José Castro López

Circula por la red una intervención del presidente del Gobierno en el Parlamento quedebió producirse cuando intentaba acordar la formación de Gobierno con Ciudadanos -las cámaras captaron a Rivera y Girauta en actitud de aprobación a su discurso-, del quereproduzco...

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...