O sector marítimo-pesqueiro promove por unanimidade un manifesto en defensa da calidade dos produtos do mar e contra os bulos pola vertedura dos pellets

20 Xaneiro 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidiu en Santiago o pleno extraordinario do Consello Galego de Pesca centrado na avaliación da chegada de pellets á costa de Galicia e as súas repercusións na actividade do sector, e no que se decidiu por unanimidade promover un manifesto en defensa da calidade e completa salubridade dos produtos pesqueiros e acuícolas e contra os bulos e as falsas informacións que atentan contra a imaxe destes alimentos e da súa actividade.

No encontro o titular de Mar detallou o dispositivo mobilizado en terra e os  medios despregados por Gardacostas de Galicia por terra, mar e aire, en contraposición a ausencia dos de Salvamento Marítimo e a falta de actuacións e de medidas por parte do Estado que contribuísen a limitar a vertedura na súa orixe, localizando o contedor cargado con 26 toneladas de granza plástica de onde saíron os sacos e que foi un dos seis perdidos polo mercante Toconao ante a costa de Portugal hai xa case mes e medio.

Nesta reunión cos representantes da actividade marítimo-pesqueira de Galicia houbo coincidencia en que pese a tratarse dun suceso contaminante, non se pode comparar con traxedias de moita maior dimensión e de carácter tóxico padecidas polo litoral galego no pasado. Os profesionais da pesca e a acuicultura censuraron o dano tanto a imaxe dos produtos do mar como o golpe que supón para o seu medio de vida que se utilicen fotografías de incidentes con pellets noutras zonas do mundo, como Sri Lanka, ou que se sacan de bancos de imaxes que nada teñen que ver co que acontece na costa galega.

Para os profesionais marítimo-pesqueiros de Galicia esto constitúe un engano á opinión pública e aos consumidores, pois xéranse dúbidas infundadas e que consideran maliciosas sobre a calidade e seguridade que hai detrás dos produtos do mar. O control na cadea de distribución destes alimentos, xa exhaustivo, incrementouse nas últimas semanas sen que as análises realizadas en distintas especies amosaron presenza algunha de pellets. 

Por estes motivos, o Consello Galego de Pesca, órgano que representa a cogobernanza na xestión desta actividade, decidiu a proposta por unanimidade dos seus integrantes promover un manifesto que poña en valor o bo facer do sector e a calidade dos alimentos que capturan ou cultivan, e censure a todos aqueles que acoden ás montaxes a noticias falsas, danando a un complexo mar-industria do que viven preto de cincuenta mil familias galegas.   

Actuacións realizadas pola Xunta        

O conselleiro do Mar sinalou aos representantes das principais organizacións da pesca en Galicia congregados en Compostela que a Xunta traballará sen descanso ata eliminar todos os pellets da costa galega, ao tempo que analiza as consecuencias da vertedura por medio do Comité Científico de expertos en materia de plásticos constituído hoxe.

Alfonso Villares sinalou que desde o primeiro minuto a Xunta mobilizou todos os seus recursos a través do Plan de Contaminación Mariña Accidental (Camgal). Buscouse que o Goberno central mobilizase os recursos que Salvamento Marítimo tiña na comunidade para localizar e recoller os sacos de pellets no mar, e así poder evitar que chegasen dispersos en millóns de bolas de plástico á costa galega. Sen embargo, finalmente o Estado apenas mobilizou un avión e por veces un helicóptero -e tan só un día unha embarcación­- cando Gardacostas de Galicia mobiliza a diario tanto os seus efectivos terrestres, como os seus dous helicópteros e a maioría dos seus buques.

Ademais, o operativo da Xunta monitorizou a situación nas praias nas que se detectou presencia deste material, mobilizando a diario arredor de 400 efectivos e uns sesenta formadores de voluntarios para a limpeza e inspección de ducias de areais en máis dunha trintena de concellos cada xornada.  

A Xunta traballou no seguimento das correntes e mareas para anticipar a presenza da vertedura e no análise do material desta granza, a través das fichas técnicas e por estudos científicos que revelaron que o material se trataba de polietileno, que pese a non resultar perigoso si é contaminante, un plástico que debe ser retirado do medio, e o compromiso do Goberno galego é que así sexa.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...