O Concello de Ribeira porá en marcha a recollida separada de residuos orgánicos o 1 de febreiro

26 Xaneiro 2024
Antía Alberte e Tania Redondo nunha imaxe de Alba Cambeiro (Concello de Ribeira)

A concelleira de Medio Ambiente, Antía Alberte e a concelleira de Servizos Municipais, Tania Redondo, anunciaron este venres 26 de xaneiro a inminente posta en marcha da recollida da quinta fracción, ou sexa, a do contedor marrón. Nestes recipientes deberán ir depositados os restos de comida que producimos, cen por cen biodegradábeis (escamas de peixe, tonas de froitas e verduras, restos de comida dos pratos, cascas de ovo, restos de poda e tamén panos de mesa e papel de cociña usados).

A recollida separada da materia orgánica porase en marcha o vindeiro día 1 de febreiro en Ribeira, Palmeira e Aguiño, onde xa se están instalando os contedores de cor marrón nos que a veciñanza poderá depositar estes residuos.

As concelleiras explicaron que o Concello repartirá tarxetas para a apertura dos contedores a toda a veciñanza interesada en separar esta fracción. O Concello elaborou ademais un mapa interactivo onde a veciñanza poderá consultar a localización exacta destes contedores.

“No contedor de residuos orgánicos, pódense depositar materiais biodegradábeis, é dicir, aqueles que se descompoñen naturalmente a través de procesos biolóxicos.” explicou a concelleira Antía Alberte, engadindo que “este sábado uns educadores ambientais colocarán un stand informativo na contorna do porto para toda aquela persoa que estea interesada no aprendizaxe da correcta separación”. Segundo explicou, neste stand a veciñanza tamén poderá obter as tarxetas de apertura dos contedores.

“Os cidadáns terán a oportunidade de separar e dispoñer adecuadamente dos refugallos orgánicos, que constitúen unha parte significativa dos nosos residuos urbanos”, afirmou a concelleira Tania Redondo. “Ao facelo, non só reduciremos a cantidade de residuos que van ás entulleiras, senón que tamén aproveitaremos estes materiais para a produción de compost de alta calidade, un valioso recurso para a agricultura e a xardinería.”

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...