
Membros do Goberno local de Ribeira, concretamente o rexedor Luís Pérez Barral e o concelleiro de Deportes, Xavier Vidal, visitaron este xoves 18 de xaneiro o Complexo Deportivo da Fieiteira para analizar o estado de execución da obra do módulo cuberto de atletismo. A obra, co-financiada pola Secretaría Xeral para o Deporte, ten un orzamento de 2.274.000 euros, dos cales 800,000 sufraga o Concello de Ribeira.
Segundo explicaron, o pavillón albergará unha zona de adestramento cuberta cun módulo cunha pista de cinco rúas; zona de saltos e lanzamentos; espazos para ximnasio; sala de musculación e actividades de tecnificación para a práctica do taekwondo; ademais de vestiarios, aseos e duchas. Ademais, acometeranse reformas en materia de accesibilidade para facilitar o acceso ao primeiro andar.
Durante a visita, membros do equipo de Goberno mantiveron un encontro coa deportista olímpica ribeirense Ana Peleteiro, co propósito de estudar posíbeis actuacións para a mellora das actividades relacionadas coa disciplina de atletismo no municipio. “Valoramos unha renovación da pista exterior, e dende o Goberno local comprometémonos a estudar novas vías de financiamento co propósito de dotar ao atletismo ribeirense unhas instalacións de primeiro nivel”, explicou o alcalde Luís Pérez.



