
O Concello de Boiro desenvolve un proxecto para a mellora da información no Punto Limpo de Espiñeira co obxectivo de “facelo máis accesíbel e favorecer a correcta separación de residuos”. As actuacións están financiadas pola Unión Europea-NextGenerationUE.
Os traballos inclúen dúas accións. Unha delas, a primeira que xa se levou a cabo, foi mellorar a información existente sobre o funcionamento do Punto Limpo xunto coa renovación das placas identificativas en cada un dos contedores para favorecer a prevención, recollida separada e a axeitada clasificación de fluxos de residuos.
Ademais neste ano 2024 vaise ampliar a capacidade da fracción “recollida de podas” debido ao gran incremento que se está a producir nos últimos meses trala aplicación da normativa de residuos e solos contaminados para unha economía circular.
As actuacións están co-financiadas mediante o fondo europeo relativo ao mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationUE, a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que convoca axudas a entidades locais en materia de residuos de competencia municipal.
O Punto Limpo Municipal está situado no Polígono Industrial de Espiñeira e presta servizo de martes a sábado en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, estando pechado os luns, domingos e festivos. Ademais o Concello de Boiro conta cun servizo de recollida de voluminosos porta a porta con regularidade semanal, sempre con solicitude previa mediante o teléfono de contacto 981 83 89 08 ou o enderezo electrónico coregal.boiro@coregal.gal.



