
O Concello de Boiro convoca unha Oferta de Emprego Público extraordinaria correspondente ao ano 2023 derivada da taxa específica para a estabilización de emprego temporal. O número total de prazas que se convocan é de once en distintos departamentos, segundo explicou o Concello, engadindo que entre as prazas convocadas hai persoal funcionario e persoal laboral. En persoal funcionario convócase unha praza de animador/a e dúas de administrativo. Nas prazas de persoal laboral convócanse dúas prazas de conserxe, un condutor, un peón de aparcadoiro e tres peóns e un conserxe, praza reservada para persoal con discapacidade.
“No ano 2023 fixemos un gran traballo en materia de persoal ao acadar a estabilización de emprego temporal e seguimos a traballar nese camiño para cubrir as prazas vacantes. Unha das principais eivas coas que conta a administración pública é a escaseza de persoal”, afirmou o alcalde, José Ramón Romero.
O rexedor engadiu que os distintos procesos selectivos iranse convocando de xeito progresivo nos vindeiros meses e as bases das convocatorias e toda a información dispoñíbel dos procesos selectivos estará dispoñíbel na web municipal (www.boiro.gal). “Esta oferta de emprego extraordinaria, xunto coa ordinaria aprobada en 2023., supón a maior oferta de emprego público que o Concello de Boiro aprobou na última década”, recoñeceu o alcalde.



