O CEIP de Outes, recoñecido nos Premios Innovagal

19 Xaneiro 2024

O Portal Educativo publicou a relación de centros galardoados na presente convocatoria dos Premios Innovagal, organizados pola Xunta “para poñer en valor o labor dos colexios e institutos que desenvolven enfoques didácticos innovadores para dar resposta ás necesidades particulares do seu alumnado”. Resultaron distinguidos colexios de Outes, Cerceda, Vilanova, Zas, Tui, Monfero, Vigo e Celanova.

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, visitou este venres o Colexio CPI Plurilingüe O Cruce de Cerceda no marco desta iniciativa. A directora felicitou á comunidade do centro por “acadar o primeiro premio nunha das categorías dos Premios Innovagal”.

Dúas categorías

A convocatoria establece dúas categorías de participación, unha para centros que imparten Educación Infantil, Primaria e Especial. Nela, o primeiro premio foi para o Colexio CEIP Plurilingüe de Outes (Outes, A Coruña), o segundo para o Colexio CEIP de Viñagrande-Deiro (Vilanova de Arousa, Pontevedra), o terceiro para o Colexio CEIP Plurilingüe nº1 (Tui, Pontevedra) e a mención de honra para o Colexio CEIP Plurilingüe da Carrasqueira (Vigo, Pontevedra).

No caso da segunda categoría, para centros de Secundaria e de adultos, o primeiro premio foi para o Colexio O Cruce (Cerceda, A Coruña), o segundo para o Instituto IES Maximino Romero de Lema (Zas, A Coruña), o terceiro para o Colexio CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero, A Coruña) e a mención de honra para o Instituto IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova, Ourense)

Os primeiros premios están dotados con 10.000€, os segundos con 6.000€, os terceiros con 3.000€ e as mencións de honra con 1.000€. Ademais da dotación económica do premio, os colexios galardoados reciben o distintivo de Centro Educativo Innovagal, cunha vixencia de catro cursos escolares.

Visita da directora xeral ao Colexio de Cerceda

Medio ambiente nos primeiros premios

A proposta do Colexio CEIP Plurilingüe de Outes centro xira arredor do benestar emocional do alumnado e a sustentabilidade do centro. A metodoloxía céntrase na creación dunha escola na que toda a comunidade pode participar, na que a aprendizaxe é activa e dinámica e na que se traballa o respecto ao medio ambiente de forma transversal en todas as áreas do currículo e en todos os niveis.

Pola súa banda o Colexio CPI Plurilingüe O Cruce desenvolve un proxecto de innovación cunha forte aposta por accións STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxías, Enxeñaría e Matemática) relacionadas coa defensa do medio ambiente. O coñecemento da contorna e a conservación ambiental guían o desenvolvemento dos proxectos nos que participa o centro, que se basean na premisa de que a aprendizaxe na natureza mellora os logros e o benestar do alumnado.

Aposta pola infancia e os proxectos STEM

A proposta de innovación do Colexio CEIP de Viñagrande-Deiro parte da convicción de que a grandeza dunha escola é a nenez. Este principio condiciona a vida e a organización do centro focalizando a metodoloxía no alumnado. Créanse espazos e dinámicas que respectan a infancia potenciando a autonomía, a intelixencia emocional, a comunicación asertiva e o pensamento diverxente.

No caso do Instituto IES Maximino Romero de Lema, centra o seu proxecto innovador na posta en marcha de proxectos STEM a través do Club de Ciencia e dos Polos Creativos. Mellórase o rendemento académico e a motivación do alumnado a través de metodoloxías como a aprendizaxe baseada en proxectos, a gamificación (a aplicación das metodoloxías dos xogos en ámbitos de adestramento, motivación e aprendizaxe), a educación ao aire libre, a Realidade Virtual ou a Realidade Aumentada.

Traballo por ámbitos

No Colexio CEIP Plurilingüe nº1 o fomento da creatividade e da tecnoloxía van da man para conseguir o cambio metodolóxico, que inclúe melloras como a docencia compartida, as parellas pedagóxicas e o traballo por ámbitos que redundan en beneficio de todo o alumnado. Estas transformacións permitiron levar a cabo o III Congreso Educativo EducODS#2030, proxecto innovador do que forma parte toda a comunidade educativa.

O CPI Plurilingüe Virxe da Cela fíxose co terceiro premio polo proxecto de centro MonferoSolidario, que ten o obxectivo de mellorar a calidade educativa e dar resposta ás necesidades identificadas polo claustro. As actuación abranguen ámbitos de organización, de mellora das competencias lingüísticas, matemáticas e dixitais, e traballan aspectos emocionais e hábitos de vida saudábel e desenvolvemento sustentábel, entre outras.

Inclusión e adaptación á contorna

No Colexio CEIP Plurilingüe da Carrasqueira, o traballo en equipo e a formación do profesorado constitúen o motor necesario para emprender un cambio no centro cara a unha metodoloxía inclusiva, respectuosa co medio e coa infancia. Durante os últimos cursos puxéronse en marcha pedagoxías activas (consello de nen@s, comisión de patios) e manipulativas que favorecen unha aprendizaxe competencial.

Partindo da súa localización no interior dun mosteiro, o Instituto IES Celanova Celso Emilio Ferreiro desenvolve o proxecto Arredor do Mosteiro que xira en torno a posta en valor do patrimonio, a optimización dos espazos, proxectos sobre temas transversais que parten da realidade de Celanova e apertura do centro á contorna con diferentes actividades como charlas, concertos ou obradoiros.

Outros artigos

Luns con sol e baixa das temperaturas máximas

Seguimos baixo a influencia anticiclónica pero con ventos de compoñente norte que afastarán as masas de aire cálido da semana anterior. Deste xeito agardamos néboas en comarcas do interior que se irán disipando deixando ceos moi abertos canto máis o sur de Galicia e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Enfermedades terminales”. José Manuel Pena

“Enfermedades terminales”. José Manuel Pena

Estos últimos días las visitas al hospital fueron frecuentes para acompañara un buen amigo que se encuentra viviendo unos difíciles momentos por sudelicado estado de salud. Esta circunstancia me abrió un poco más los ojos ala realidad del sufrimiento, el dolor, el...