Maneiro presenta o seu último disco, “Un bonito despertar”, en sete localidades galegas

17 Xaneiro 2024

O cantante e compositor da nosa comarca Javi Maneiro, integrante dos Heredeiros da Crus, iniciará no mes de febreiro a xira de presentación do seu último álbum, Un bonito despertar, por teatros e salas de concertos de Galicia. O músico do Conchido (A Pobra) dará así a coñecer o seu cuarto disco, publicado a pasada primavera e que agora por fin poderá compartir ao vivo, plenamente, co público galego.

En total serán catro fins de semana nas que Maneiro visitará sete localidades galegas. A xira, que conta co apoio da Xunta de Galicia, comezará o 3 de febreiro en Boiro e, ao día seguinte, o domingo 4, o cantante desprazarase a Ourense. Despois do Entroido, Un bonito despertar presentarase no Playa Club de A Coruña o sábado 17, mentres que na Sala Jagger de Lugo o directo terá lugar o domingo 18. Xa de cara á fin de semana seguinte, Maneiro estará no Master Club de Vigo (sábado 24) e no Centro Torrente Ballester de Ferrol (domingo 25). Finalmente, a xira de inverno pecharase o sábado 2 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra.

Maneiro móstrase “moi ilusionado” por comezar esta serie de directos polas catro provincias logo da presentación oficial que tivo lugar, o pasado mes de xuño, na Sala Capitol. Agora, o cantante poderá compartir co seu público os temas do seu cuarto disco, no que asume tanto a autoría da música coma das letras. Sobre o escenario, Maneiro acompañarase dunha banda conformada por Manu Rey (batería), Pachi Cruz (baixo), Rubén Cores (guitarra), Fernando Calvo (Guitarra) e Iria Iglesias (teclados).

Os billetes (10 euros máis gastos de xestión) para asistir aos concertos de presentación de Un bonito despertar pódense adquirir desde xa a través das plataformas www.enterticket.es (para os directos de Boiro, A Coruña, Lugo e Vigo) e www.ataquilla.com (Ourense, Pontevedra e, proximamente, Ferrol).

Biografía Maneiro

Javi Maneiro é natural da Pobra do Caramiñal, mais reside en Ribeira desde hai 25 anos. Coñecido por ser vocalista de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue, no 2014 inicia a súa carreira en solitario, unha traxectoria que compaxinou co seu traballo nunha fábrica de conservas. No 2017 lanza o seu primeiro LP Furtivos e, dous anos despois, o segundo, Acaricia mis arrugas. A capacidade de composición de Maneiro é sorprendente: tan só un ano despois, no 2020, publica un disco acústico en formato videoálbum, Palabras de un desconocido.

No 2021, para celebrar os seus 30 anos na música, comeza a traballar no que será o seu cuarto disco, Un bonito despertar; mais no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros, sufre un accidente cerebrovascular. Logo do seu lanzamento o pasado mes de maio, da presentación ao vivo na Sala Capitol de Santiago no mes de xuño e dunha coidada recuperación ao longo destes meses, Maneiro iniciará o vindeiro 3 de febreiro unha xira de ateigada de vitalidade e entusiasmo polas salas de concertos e teatros de Galicia.

Datas e enlaces das entradas – Xira de presentación Un bonito despertar

03.02.2024 Boiro | A Pousada das Galicia Imaxinaria, 22.00 horas
04.02.2024 Ourense | Teatro Principal, 20.00 horas
17.02.2024 A Coruña | Playa Club, 22.30 horas
18.02.2024 Lugo | Sala Jagger, 19.00 horas
24.02.2024 Vigo | Master Club, 22.30 horas
25.02.2024 Ferrol | Centro Torrente Ballester, 19.00 horas
02.03.2024 Pontevedra | Teatro Principal, 22.00 horas

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.