O vindeiro 3 de febreiro A Pousada da Galiza Imaginaria (Boiro) acolle a presentación do novo traballo discográfico de Javi Maneiro (vocalista da banda da nosa comarca Heredeiros da Crus). Trátase do seu cuarto álbum, Un bonito despertar.
Segundo puidemos saber, trátase dun concerto “moi especial”, porque inaugura dende O Barbanza a xira de Maneiro por salas de concertos e teatros das sete grandes cidades galegas e na que o músico do Conchido (A Pobra) dará a coñecer o seu novo traballo, unha obra que (tal e como se indica no seu título) ten moito de rexurdimento e de regreso: significa que volve aos escenarios un dos músicos máis sobranceiros da nosa comarca, logo de que en plena xira con Heredeiros, en 2022, tivera un accidente cerebro-vascular que o mantivo durante un tempo afastado dos escenarios.
En total serán catro fins de semana nas que Maneiro visitará sete localidades galegas. A xira, que conta co apoio da Xunta de Galicia, comeza o 3 de febreiro en Boiro e, ao día seguinte, o domingo 4, o cantante desprazarase a Ourense. Despois do Entroido, Un bonito despertar presentarase no Playa Club de A Coruña o sábado 17, mentres que na Sala Jagger de Lugo o directo terá lugar o domingo 18. Xa de cara á fin de semana seguinte, Maneiro estará no Master Club de Vigo (sábado 24) e no Centro Torrente Ballester de Ferrol (domingo 25). Finalmente, a xira de inverno pecharase o sábado 2 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra.

Maneiro móstrase “moi ilusionado” por comezar esta serie de directos polas catro provincias logo da presentación oficial que tivo lugar, o pasado mes de xuño, na Sala Capitol. Agora, o cantante poderá compartir co seu público os temas do seu cuarto disco, no que asume tanto a autoría da música coma das letras. Sobre o escenario, Maneiro acompañarase dunha banda conformada por Manu Rey (batería), Pachi Cruz (baixo), Rubén Cores (guitarra), Fernando Calvo (Guitarra) e Iria Iglesias (teclados).
Os billetes (10 euros máis gastos de xestión) para asistir aos concertos de presentación de Un bonito despertar pódense adquirir desde xa a través das plataformas www.enterticket.es (para os directos de Boiro, A Coruña, Lugo e Vigo) e www.ataquilla.com (Ourense, Pontevedra e, proximamente, Ferrol).
Biografía Maneiro
Javi Maneiro é natural da Pobra do Caramiñal, mais reside en Ribeira desde hai 25 anos. Coñecido por ser vocalista de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue, no 2014 inicia a súa carreira en solitario, unha traxectoria que compaxinou co seu traballo nunha fábrica de conservas. No 2017 lanza o seu primeiro LP Furtivos e, dous anos despois, o segundo, Acaricia mis arrugas. A capacidade de composición de Maneiro é sorprendente: tan só un ano despois, no 2020, publica un disco acústico en formato videoálbum, Palabras de un desconocido.
No 2021, para celebrar os seus 30 anos na música, comeza a traballar no que será o seu cuarto disco, Un bonito despertar; mais no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros, sufre un accidente cerebrovascular. Logo do seu lanzamento o pasado mes de maio, da presentación ao vivo na Sala Capitol de Santiago no mes de xuño e dunha coidada recuperación ao longo destes meses, Maneiro iniciará o vindeiro 3 de febreiro unha xira de ateigada de vitalidade e entusiasmo polas salas de concertos e teatros de Galicia.
Datas e enlaces das entradas – Xira de presentación Un bonito despertar
03.02.2024Boiro| A Pousada das Galicia Imaxinaria, 22.00 horas
04.02.2024 Ourense| Teatro Principal, 20.00 horas
17.02.2024 A Coruña | Playa Club, 22.30 horas
18.02.2024 Lugo | Sala Jagger, 19.00 horas
24.02.2024 Vigo| Master Club, 22.30 horas
25.02.2024 Ferrol | Centro Torrente Ballester, 19.00 horas
02.03.2024 Pontevedra| Teatro Principal, 22.00 horas



