
Despois da pausa de Nadal, volve a reactivarse co novo ano o ciclo de teatro de Outes, o Outono Teatral 2023. Este sábado 13 de xaneiro, Producións Teatrais Excéntricas, a compañía do dramaturgo, escritor, contador e actor Quico Cadaval (Ribeira 1960) trae a Outes a súa versión de O porco de pé de Vicente Risco.
Será ás 20:00 h na Casa da Cultura. Trátase dunha obra para maiores de 13 anos.
Dende a Área de Cultura do Concello rogan puntualidade: una vez comezada a función, non se permitirá o acceso á sala.
As entradas poden collerse na Casa da Cultura. (Horario: de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas).
O porco de pé constitúe, en palabras de Excéntricas, a novela coa que “Galicia entrou na modernidade literaria hai case cen anos”.
Esta versión de Quico Cadaval e Pepe Sendón conta coa aprobación da Fundación Vicente Risco.
O espectáculo non deixa de lado, senón que máis a potencia, a capacidade que tivo Vicente Risco de detectar, ha xa cen anos, unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapeus a confundirse cos propios burgueses do seu tempo. “Trátase dunha divertidísima sátira a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabaré, que ten hoxe mais vixencia que nunca e que propón unha fascinante viaxe á década do 20 do século XX”, explican dende a compañía onde milita Quico Cadaval, e máis tamén, os tres “fenómenos” que constitúen o elenco: Patricia Vázquez, Victor Mosqueira e Evaristo Calvo.



