Este sábado 27 de xaneiro vaise celebrar a primeira etapa da Liga de Cruceiros Ría de Arousa 2024. A Unión entre o Club Náutico Arousa Norte, o CN de Rianxo, o CND de Ribeira e o Real Club de Regatas de Galicia fai posíbel esta liga que transcorrerá entre
os meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril. O anfitrión da primeira regata será o Club Náutico Arousa Norte (A Pobra do Caramiñal), con saída este sábado ás 13.30 desde a vila pobrense.

Esta primeira etapa, con saída desde A Pobra, está organizada polo Club Náutico Arousa Norte, que en palabras do seu secretario, Fernando Sánchez, agradecía a disposición dos demais coorganizadores a levar esta regata a bo porto: “É un orgullo compartir cartel con estes clubs, entre todos poñemos o noso gran de area para que a frota da clase cruceiro poida gozar dunha tempada invernal de regatas”.
A liga de Cruceiros, que se inicia este sábado, contará con 7 etapas, unha cada dúas semanas cunha proba en cada un dos portos dos clubs organizadores. As regatas, en formato costeiro, consistirán en percorridos polo interior da ria de Arousa de entre 8 e 15 millas dependendo das condicións meteorolóxicas. Entre os contendentes atópanse embarcacións procedentes de todos os clubs da ría, que tentarán levarse a vitoria final para as vitrinas dos seus respectivos clubs.
CALENDARIO LIGA DE CRUCEIROS RIA DE AROUSA 2024
ETAPA
1 C.N. AROUSA NORTE 27 DE XANEIRO
2 C.N DE RIANXO 10 DE FEBREIRO
3 C.N.D. DE RIBEIRA 24 DE FEBREIRO
4 C.N. AROUSA NORTE 9 DE MARZO
5 C.N. DE RIANXO 23 DE MARZO
6 C.N.D. DE RIBEIRA 6 DE ABRIL
7 R.C.R. GALICIA 20 DE ABRIL
20 DE ABRIL



