Xa. Algo hai que dicir e moito é o que se calou. De quen é a culpa do silencio?.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, demanda do Goberno a activación do Plan Nacional de Emerxencias por contaminación mariña ocasionada polo vertido de pellets plásticos que, de xeito máis que evidente, afecta ás costas galegas, nomeadamente as da comarca do Barbanza. Unha contaminación causada por un buque que navegou en augas portuguesas onde, supostamente, perdeu un mínimo de seis contedores, un deles cunha carga de sacos de plástico de 25 quilos cadanseu que, dende o 13 de decembro van polo mar abaixo sen que as administracións de Galicia e España, tampouco de Portugal, dixeran esta boca é miña cando precísamente pola boca están a morrer ou poden facelo aves e peixes que confunden esas bolechas plásticas (pellets) con materia para inxerir (comida).
As rías de Muros-Noia e Arousa son, arestora, as máis prexudicadas para esta nova contaminaciòn que causan esas bolechas ou pellets que se espallan polas praias após rachar os sacos que as conteñen contra as rochas ou na rompente do mar nas propias praias. Dos outros cinco ou seis contedores desapareidos no mar nada se sabe, como tampouco se explicita o motivo polo que eses contedores foron parar ao mar (semella que a explicación está no mal tempo reinante ese día no mar).
O escaso -case nulo- peso dos pallets fai que o vento e a marea os faga ir dun a outro lado, que rompan e se confundan ou misturen coas cunchas e mesmo a area, o que fai que as brigadas de limpadores -algúns, empregados municipais, da Xunta e outros organismos oficiais, mais tamén maioritariamente vontarios- atopen serias dificultades á hora de recollelas.
Ao parecer, a Xunta non recibiu comunicación oficial do sucedido -segundo a información oferecida polo goberno galego- o día 8 de decembro, cando o buque Toconao (abandeirado en Liberia e con armador radicado en Chipre) perdeu eses seis contedores en augas lusas. A primeira comunicación, vía email, chegou á Consellería do Mar o 3 de xaneiro, explicando o sucedido máis tamén que o 20 de decembro xa fora comunicado á Dirección de Costas e á Delegación do Goberno “sen que ninguén informara á Xunta dos pormenores do acontecido”, na versión do conselleiro do Mar.
Os datos citados non cadran cos que barallan as organizacións medioambientais, que fai días -en ocasións colaborando con brigadas municipais- realizan traballos de recolleita de pellets e denuncian o abandono ou desleixo dos responsabeis dos areais, nomeadamente os concellos e, obviamente, a Xunta, o Goberno e as autoridades portuguesas (a caída ao mar dos contedores producíuse fronte ás costas lusas) que calaron coma petos cando a iniciativa privada xa estaba a actuar.
Informacións de fontes solventes confirman a este xornal que das antes das festas de Nadal as distintas administracións eran coñecedoras do suceso e que, con seguridade, os pellets -destinados é elaboración de botellas de vidro- virían parar ás costas de Galicia. Mesmo se confirma que un avogado, actuando no nome da compañía marítima propietaria do Toconao, trasladou á administración (non aclara se autonómica ou á central) a información da perda de contedores e a carga destes, responsabilizándose do feito, cuestión que non descoñecería, en base a estes datos, un concello da comarca, estremo este que non poidemos confirmar nestes momentos.
Do por que non se actuou oficialmente ata o de agora, ninguén dí nada. Ben se nota que o 18 do vindeiro mes de febreiro hai eleccións autonómicas na comunidade galega e a ocasión de calar permite transferir ao do lado a responsabilidade dos feitos.
Que xustifica, por exemplo, o silencio da Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA), con sede en Vigo?. Houbo algún tipo de comunicación ao respecto por parte deste organismo e, se foi así, con quen?. Por que cala o Goberno de Portugal que, no caso do Prestige, de inmediato mobilizou á súa Armada?. Que responsabilidade ten o Goberno central?. Por que a Xunta non demandou antes esa información, se era asimesmo coñedora do que pasaba; por que calaron os concellos ou as confrarías de pescadores non deron a alarma en relación co que acontecía cando, vai cinco días recoñecían a este xornal que os pallets non revestían danos significativos para a pesca?. Cando entrou verdadeiramente en actividade o Plan Camgal (Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia?. U-los gardacostas de Galicia e persoal de Tragsa?.
O conselleiro do Mar quixo este sábado levar a tranquilidade ao sector pesqueiro e aos concellos afectados por esta marea de bolechas porque, dixo, está a se actuar “con todos os medios ao alcance” co obxectivo de “retirar a máxima cantidade de material e minimizar os posibeis danos ao medio ambiente” .
A empresa causante destes danos comprometéuse como xa se dixo a colaborar coa administraciòn con medios técnicos e económicos para atallar a situación.
Pero organizacións medioambientalistas como Noia Limpa xa están mans á obra dende un principio e, este mesmo domingo, contribuiron á limpeza das praias galegas afectadas, sendo na comarca barbanzá nas de Ladeira (Corrubedo) ás 10,00 horas; na de Area Maior, en Muros, ás 12,30 e ás 15,00 horas; na do Testal (Noia), ás 10,00; na praia de Espiñeirido (Corrubedo), ás 10,00; nas Furnas (Porto do Son), ás 13,00; na de Balieiros (Corrubedo), ás 17,00 e, na do Vilar, tamén en Corrubedo, ás 15,00 horas.
Con esta dilixencia e disposiciòn non actúan os medios oficiais, como ben se ve.
Obras son amores, e non boas razóns.



