
A banda ribeirense Boroa, integrada por Sabela Olivares, Suso Bello e Alberto Millán, estarán este xoves na súa terra presentando o libro Tinta de Fol, que complementa o traballo discográfico O Clásico Fol lanzado o ano pasado por Boroa. Será no café Albatros, a partir das 21.00 horas. Contarase coa presenza do artista David Cuence e, ademais, coa propia música de Boroa.
O libro Tinta de Fol, Oito pezas para gaita máis unha para piano é un conxunto de pinturas e partituras que materializan sobre papel o disco O Clásico Fol do grupo ribeirense Boroa. As pinceladas do artista David Cuence dan forma ás composicións da gaiteira Sabela Olivares conformando un libro que engloba pintura, música e diversos recursos didácticos para o ensino musical como pistas de acompañamento.
Na Rede temos ao noso dispor un audiovisual sobre o proxecto.
Tinta de Fol, na súa tripla vertente musical, artística e formativa, é “un estímulo audiovisual materializado en nove pezas que poden contemplarse mentres son escoitadas”, explican Olivares e Cuence. O libro recolle partituras coa súa ilustración correspondente e versións ornamentadas específicas para gaita. Tamén se inclúen enlaces QR con audios das versións orixinais e pistas de acompañamento. “Todo co fin de enriquecer a experiencia do/da intérprete e seguir aportando materiais didácticos para o instrumento”, engaden.

David Cuence
Na súa pintura mestúranse temas mariños e terrestres con reivindicación social e unha tradición musical con especial atención ao xesto e ao retrato humano. Con esta exposición comeza a explorar un novo camiño dentro da abstracción.
Na última década participa en diferentes proxectos entre os que destacan Door (banda deseñada escrita por Antonio Martínez Ron, 2017) e Sintaxe (cofundador e deseñador de marca e de produto, 2018). Tamén é creador de diferentes produtos relacionados coa cultura galega como Barallada, Galician Rock Stars, Sebo de Ghrilo, etc.
Sabela Olivares
Adícase profesionalmente á música como intérprete e docente dende os 19 anos. Dende o ano 2004 participa como intérprete e compositora en diferentes proxectos musicais que desembocaron na gravación de diversos traballos discográficos como A Companhía do Ruido (2005), Pensares galegos (2013) e O Punchi must go (2018) entre outros. No ano 2022 publica dous libros de valses para gaita e piano e colabora noutras publicacións como As que dormen entre o centeo (2023).




