Besteiro aposta por fomentar o consumo de peixe da frota do cerco nos comedores escolares

19 Xaneiro 2024

José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, apostou este 19 de xaneiro por “introducir o peixe dúas ou tres veces por semana nos menús dos comedores escolares e promover campañas que inciten ao consumo de peixe, en xeral, non só porque é un hábito saudábel, senón porque contribúe ao mantemento dun sector produtivo moi importante no noso país como é o da frota de cerco” e aludiu ao interese dos nutrientes que contén o peixe. “O cerco é, amais, a arte de pesca máis sustentable medioambientalmente pero tamén redunda directamente na economía local do país”

Tras reunirse en Malpica coa Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (ACERGA) e o seu presidente, Alberto Castro, e o patrón maior e socios da Confraría de Pescadores de Malpica, Besteiro comprometeuse á ampliación do dique de abrigo da localidade cando sexa presidente da Xunta e sacar á consellería do Mar do actual estancamento e anunciou a posta en marcha de medidas de apoio para a adaptación do sector aos novos procesos, que inclúen a dixitalización total dos controis pesqueiros.

Besteiro apelou á necesidade de colaboración e traballo conxunto entre administracións e mesmo coa Unión Europea para acadar obxectivos satisfactorios para os intereses galegos e recordou que “Rueda non pisou Bruxelas desde que é presidente da Xunta. Nós cremos que temos que estar presentes onde están os intereses da nosa xente”.

Así, dixo que a Xunta do PP “non executou o 51% do fondo europeo para a Pesca (FEMP), perdendo unha gran oportunidade para modernizar do sector pesqueiro”. Trátase, dixo, “dun exemplo claro da mala xestión do PP na Xunta nos últimos dez anos”. En Malpica tamén constatou novamente a “necesidade de recuperar un organismo semellante ao antigo FROM que promova o consumo de peixe fresco ante o cambio de modelo de alimentación e cultural” da sociedade actual. Unha proposta coa que coincidiu o representante de ACERGA, xa que o consumo de peixe descendeu un 32% na última década en España.

En especial, subliñou o candidato socialista, “promover o peixe como o xurelo, a sardiña… que provén da pesca do cerco que é a que menos pegada de carbono deixa e a máis respectuosa coa biodiversidade mariña, sostén a unha parte das economías locais e fixa poboación na costa galega”.

Os representantes de ACERGA lembraron e agradeceron o apoio á frota do cerco do agora candidato socialista á Xunta cando estaban acampados fronte á Xunta para protestar polos recortes nas cotas de xurelo.

Besteiro confirmou a súa presenza na manifestación do próximo domingo en Santiago de Compostela en defensa do noso mar e das súas xentes. “Un sector económico con gran peso no noso país e do que viven moitas familias e que temos que defender ante a incompetencia, ocultación, inacción e, sobre todo, as mentiras de Rueda ante a crise da marea branca dos plásticos”.

Outros artigos

Venres con choiva intensa e suba das temperaturas

A xornada do venres teremos chuvias e ventos fortes e situación complicada no mar. Deste xeito os ceos estarán nubrados, con chuvias máis intensas no oeste na segunda metade do día. As temperaturas mínimas experimentarán un ascenso moderado, mentres que as máximas non...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Quen o sabe?”. Luís Celeiro

“Quen o sabe?”. Luís Celeiro

Non sei por que ni a santo de que vén á cabeza deste escribidor o caso insólito de Manoliñodas Filgueiras. Ocorreu nos primeiros anos da década do sesenta do século pasado e deixousen fala aos seus familiares, aos mestres que tiña, aos fregueses da parroquia, aos...