
A Mancomunidade Barbanza Arousa pendurou nas redes sociais un fragmento do documental As voces da conserva emitido este xoves 25 de xaneiro na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR). O audiovisual é un percorrido histórico e humano pola industria conserveira e da salgadura nos concellos que forman a Mancomunidade: Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira.
“A industria conserveira estivo, e está, moi ligada ao noso territorio, e súa eclosión supuxo unha auténtica revolución socioeconómica para os municipios da bisbarra e na actualidade o noso territorio é un referente mundial na produción de conservas”, sinalan os Concellos no texto que acompaña a publicación do adianto do documental.
As voces da conserva é como dixemos un percorrido pola historia da salgadura e a conserva industrial narrada polos seus protagonistas. Trátase ademais, en palabras de Barbanza Arousa, “dunha historia que ten como obxectivo concienciar e sensibilizar sobre a pegada deixada pola conserva e as fábricas de salgadura a través do seu patrimonio material e inmaterial no territorio, unindo isto á gran riqueza enogastronómica que o caracteriza”.
O extracto do documental ten como fío condutor a historia persoal de Encarnación, unha muller que como tantas outras neste territorio dedicou a súa vida ao traballo no sector da conserva e a batea. A través deste fragmento viaxamos ás diferentes etapas que se foron sucedendo ao longo dos anos nesta industria que forma parte da idiosincrasia de Barbanza Arousa, desde os pioneiros ata a chegada da modernidade.
A produción desta peza audiovisual vén dar apoio ás diferentes accións que se están desenvolvendo no territorio a través do Plan de Sustentabilidade Turística dotado cun financiamento de 1.5 millóns de euros dos fondos Next Generation e que dotará ao destino de novas infraestruturas como o Museo da Conserva (Boiro), Museo da Salgadura (Ribeira), posta en valor do barrio dos cataláns (A Pobra do Caramiñal) ou aulas enogastronómicas (Rianxo).



