
O presidente e secretario xeral de asociación ecoloxista galega ADEGA, Roi Cuba e Froilán Pallín, respectivamente, reuníronse na mañá deste 11 de xaneiro co delegado do Goberno, Pedro Blanco, para trasladarlle a “fonda preocupación do movemento ecoloxista e da sociedade galega en xeral” pola tardanza coa que o Estado e Xunta reaccionaron tras coñecer o vertido dos granulados (pélets) de microplásticos, así como “da falta de información e transparencia”.
No encontro, ADEGA fíxolle ao delegado do Goberno ás seguintes reclamas:
-A inmediata intervención con barreiras anticontaminación ou outros métodos de contención desde o mar que eviten a continua chegada dos granulados a terra, onde son moi difíciles de recoller.
-Especial vixilancia e control das entradas ás rías e aos espazos naturais protexidos.
-Absoluta vontade de coordinación coa Xunta de Galicia e con outras administracións competentes.
-A posta á disposición dos medios e recursos necesarios para eliminar a marea de bólas de plástico vertidas ao mar e apoiar as tarefas en terra.
-Absoluta transparencia informativa sobre o alcance e impacto do vertido e sobre as súas repercusións para o medio ambiente, a biodiversidade, a pesca e a saúde das persoas.
-Información actualizada e aberta ao público xeral a todo o relativo ao vertido de bólas de microplástico, o seu avance, impactos e riscos, o emprego de medios e zonas de actuación de vixilancia e control.
-Maior vixilancia e control do transporte marítimo de mercadorías potencialmente tóxicas para a biodiversidade e o medio mariño.
O presidente de ADEGA, Roi Cuba, ofreceu á delegación do goberno a súa vontade de colaboración en todo aquilo no que a organización ecoloxista galega puidese axudar.



