Abre en Rianxo un espazo educativo para botar por terra as metodoloxías académicas convencionais: A Vaca Marela

23 Xaneiro 2024

O educador e músico da nosa comarca Manu Sobral Figueroa, membro de Gran Parada, theCUNCAS e Trécola Tradicional, vén de materializar en Rianxo un innovador espazo educativo: A Vaca Marela. Trátase dun recanto formativo no que Sobral busca “facer realidade” un soño que vén de longo (abrir un espazo educativo-alternativo) e dar renda solta á súa faceta máis docente.

“O meu é ensinar”, sinala Sobral, que é licenciado en Educación Primaria, engadindo que “xa que nas oposicións non hai prazas para todo o mundo, e como tamén tiña uns cartiños aforrados, argallei un espazo educativo que non ten nada que vez cunha academia convencional de clases particulares de reforzo”.

Segundo indica, a atención individualizada a cada alumno é o selo de identidade deste centro, porque cada escolar ten ou seu plan de traballo, coma nun ximnasio ou nun centro de planificación deportiva, ademais de propostas innovadoras, entre os que se inclúe un estudio de radio (o estudio O Faladoiro) onde “os nenxs poden traballar de forma transversal distintas materias”, sinala Manu, engadindo que “coa elaboración do guión xa estamos facendo expresión escrita, logo hai que sumar os tempos do programa, onde entran as matemáticas, e os podcasts son en castelán, galego e inglés, co que xa falamos tres idiomas”.

O educador salienta que este método de traballo estalle a deparar “resultados espectaculares”, entre outras cousas “porque hai moitos nenos aos que non lles gusta expresarse en público, pero poñerlles un micro diante si, e están encantados e deixan voar a imaxinación, traballan moito, aprenden e as risas están aseguradas”. Manu destaca tamén que este método “é moito máis efectivo que a educación tradicional, hai que adaptarse aos tempos”.

No centro tamén está en marcha un grupo de musicoterapia aberto a todo o mundo, xa que o obxectivo “non é aprender linguaxe musical ou a tocar un instrumento, senón que os ritmos e cancións sirvan como solución aos problemas”, sinala, engadindo que tamén ten en marcha obradoiros prácticos para que a rapazada aprenda o que en A Vaca Marela denominan “escola da vida”. A idea, indica Manu, “é que saiban entender unha factura, como funciona un electrodoméstico, o mantemento dun extintor, o que significa que no supermercado ou nas tendas haxa descontos, ou o que supoñen os intereses que nos cobra un banco por un empréstamo ou unha hipoteca etc”. Aos cativos, apunta, “hai que ensinarlles a entender a vida, está ben que saiban Física, pero tamén teñen que saber enfrontarse a problemas reais”.

Iso si, estas actividades de A Vaca Marela están reservadas nun principio para os obradoiros que se farán en vacacións, “debido a que durante o curso centrámonos máis en reforzar o ensino que reciben nos coles, porque o obxectivo é que as familias poidan conciliar”.

E engade, sobre os horarios flexíbeis dos que tamén fai gala este centro de estudos: “Se hai que vir ou sábado ou ou domingo para axudar a un neno cun exame, abrimos ás 24 horas. Nós temos que adaptarnos ás familias e que os pais poidan desfrutar dos seus fillos ou do pouco tempo libre que teñen”.

Aínda que A Vaca Marela abriu as súas portas o pasado 8 de xaneiro, xa conta con máis de 20 alumnos e alumnas matriculados/as e 35 matrículas entre todas as materias ofertadas.

Quen precise máis información tena na web www.avacamarela.gal ou no espazo propio que este centro de estudos rianxeiro ten na rede social Instagram.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...