A coordinadora CEMMA emitiu un comunicado no que informa dos pasos que debemos dar en caso de albiscar un lobo mariño na costa, tendo en conta que ao atopármonos en plena tempada de lobos mariños en Galicia incrementáronse as posibilidades dun encontro. A presenza do lobo mariño Oza no litoral galego certifica que aínda nos atopamos no miolo da dita tempada.
A coordinadora lembra que este período de “visitas” vai de finais de ano a marzo do ano seguinte, é por iso que a tempada actual aínda está en marcha e iniciouse en decembro de 2023 cando foron rexistrados os primeiros casos na nosa costa.
Na actual tempada foi rexistrada a presenza de dous lobos mariños varados mortos, un en Muros e outro en Mañón. O terceiro rexistro foi localizado vivo en Burela o 30 de decembro. En todo o norte Cantábrico e en Portugal tamén foron observados de xeito simultáneo diversos exemplares, “aínda que en xeral menos que noutros anos anteriores”, explica a coordinadora, engadindo que de maneira habitual “os exemplares que chegan son lobos mariños cincentos xuvenís, Halichoerus grypus, de menos de tres meses de idade, nacidos nas colonias de Irlanda e en etapa de dispersión”.
A dita dispersión é “motivada para buscar áreas de alimentación sen competencia doutros exemplares, para volver así as súas áreas de distribución onde naceron, tempo despois, cun bo peso e estado de saúde, alí xa se poden atopar e enfrontar con outros exemplares”, sinala a CEMMA, apuntando que os lobos mariños viven de xeito solitario e só se xuntan anualmente para reproducirse e para mudar o pelo.
A UCI de lobos mariños da Rede de Varamentos de Galicia, xestionada pola CEMMA, mantívose alerta pola persistencia do mal tempo no mar a finais de decembro, xa que “esta situación podía motivar que os exemplares xuvenís de lobo mariño se dirixiran á costa na percura de refuxio”.
Os lobos mariños son coñecidos en Galicia dende antigo. Xa no século XVII, o cardenal Jerónimo del Hoyo describe aos lobos mariños na costa da Coruña denominándoos como “homes mariños” e indica que son un bo augurio para a pesca.
O caso de Oza
Desde que foi localizada en Burela o día 30 de decembro fóronse recibindo posteriores avisos en Ares, Oleiros e A Coruña. Neste caso trátase dunha femia de tamaño grande, posibelmente adulta, e non dun cachorro xuvenil, como é habitual nos anos anteriores durante as tempadas de lobos mariños.
A CEMMA lembra que Oza precisa sobre todo de “tranquilidade e respecto”. E engade: “Non debemos achegarnos pois pode ser perigosa se se sinte acurralada”.
A CEMMA notificará á Policía Local, Guardia Civil e Autoridade Portuaria esta situación para evitar as molestias que poida sufrir. “As molestias á fauna salvaxe poden ser puníbeis”, explica a coordinadora, lembrando que “non podemos esquecer que o anterior lobo mariño grande que visitou as nosas costas, Doqui, foi expulsado no verán de 2021 do litoral de Baiona con cans e paus facéndoo fuxir para Portugal, un comportamento absolutamente incívico e irresponsábel”.
Como actuar diante da presenza dun lobo mariño?
Aínda que pensemos que nunca nos imos atopar cun lobo mariño, as posibilidades de atopalos en calquera punto da costa, durante a tempada invernal, non é tan rara. Temos que ter conta que:
– Chegan directamente dende as colonias de cría do norte e polo tanto están moi cansos, motivo polo cal pode baixar a terra a descansar e botar unha soneca tranquilamente.
– NON ACHEGARSE para evitar molestalo ou resposta agresiva, mantendo unha distancia prudente xa que poden respostar mordendo.
– NON BLOQUEARLLE VÍA DE FUXIDA cara ao mar, deixándolle unha alternativa por se quere e pode marchar.
– ATAR OS CANS se os levas, e procurar que non se acheguen ou a ataquen.
– MANTER SILENCIO, os berros e barullo porano alerta e nervioso.
– AVISAR canto antes ao 112 e colaborar coa Rede de Varamentos nas indicacións.
– NON DELATALO, moi importante é non sacar a información en Redes da súa posición, a pesar de dar o aviso esa información é confidencial, delatar a súa presenza é aumentarlle as molestias.