O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, cifra nuns 200 os efectivos que traballan nunha trintena de municipios afectados pola chegada de pellets de plásticos ás costas galegas.
Así mesmo, o conselleiro garante que “esta cifra de efectivos será reforzada en próximos días para dar soporte aos municipios afectados”. Engadiu que o 112 monitoriza a situación cos avisos que lle chegan por parte dos concellos.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor o traballo desenvolvido polos operativos de Gardacostas de Galicia que, unidos aos axentes medioambientais e as brigadas de Tragsa, “están reforzando o traballo posto en marcha polos concellos afectados de detección, retirada e limpeza destes materiais nos areais”. Fixo estas manifestacións durante a visita ao buque do organismo autonómico Sebastián de Ocampo no municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa.
O conselleiro informou que ata o momento hai unha trintena de concellos costeiros afectados pola vertedura e que se continúa monitorizando a situación a través do 112 notificándose puntualmente aos municipios onde conste avisos pola presenza de pellets. Ademais, explicou ca Xunta mantén un Plan CAMGAL en fase 1 “o que permitiu que xa foran despregados 200 efectivos para participar nos diferentes operativos e que serán incrementados nos vindeiros días”. Tamén explicou que “a rotura dalgúns dos sacos nos que se transportaban os pellets plásticos esta a dificultar os labores de recollida debido ao seu pequeno tamaño”.
O titular de Mar insistiu “que o Goberno galego está actuando desde o momento en que o Goberno central comunicou oficialmente da presenza destes materiais no litoral froito da perda de parte da súa carga por parte dun buque mercante en augas portuguesas”. Nesa liña, subliñou que o Executivo estatal “é coñecedor desde o día 20 de decembro da orixe dos pellets que estaban a chegar á costa”, unha información que, segundo dixo (contradicindo a versión do Executivo central, da que informamos este luns a primeira hora, na que se explica que si que se comunicou á Xunta a dita información), “tardaron 14 días en facilitala á Administración autonómica”. Tamén defendeu que a Xunta fixo pública toda a información facilitada polo Ministerio ata o momento e volveu a reclamar maior transparencia ao Estado sobre o suceso.




