O Concello de Boiro compartiu a axenda de actividades de Nadal para esta terceira fin de semana de decembro, brindando información das organizadas dende o Consistorio pero tamén das impulsadas polas entidades e asociacións con sede no municipio, neste caso o grupo Xilbarbeira, a Escola de Ballet Cen Pliés e máis o grupo Abeloura.
A axenda da finde comeza este sábado co Festival de Nadal de Xilbarbeira. Será ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Boiro. Xilbarbeira, a mais dunha asociación, é unha escola-agrupación de Boiro fundada no 1995, con sede de operacións no Centro Social da localidade. A entidade, que se centra sobre todo na danza e pandeireta tradicional galega, é un colectivo interxeracional no que ten cabida toda aquela persoa con interese pola tradición folclórica da nosa terra.

Ao día seguinte, domingo 17 de decembro, será a quenda do Festival de Nadal da Escola de Ballet Cen Pliés, con base en Boiro. Será ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Boiro. A actividade comezará cunha sesión de preballet e culminará ás 20.00 horas cunha sesión de ballet.

O domingo tamén está previsto que se celebre o Festival de Nadal do Grupo de Baile Tradicional Abeloura, tamén radicado no concello de Boiro. Será ás 18.00 horas no Centro Social de Cespón.



