Van pasando os días. Imos arrincando follas imaxinarias a aquel vello calendario de “taco” que, amáis do día, reflectía as distintas fases luares e, obviamente, un amplo santoral con nomes maioritariamente non utilizados, e lembramos tempos pasados que sinalan significativamente -cada ano máis- que son estas calendas de actualizar a saída das nosas vidas de persoas que marcaron unha existenza compartida.
Familiares, amigos, compañeiros de traballo van deixando baleiros, ocos imposible de os ocupar de novo que, inexplicablemente, fixan adeuses moitas veces non dados ou que mesmo nen sequera era imaxinable que poideran producirse de xeito insospeitadamente tan prematuro. E nesta arañeira entramos sen querer para concluirmos que son datas nas que resulta máis doado chorar que rir.
E haberá que trocar o concepto, a significación destas que, hoxe, consideramos festas?.
Nas conversas actuais recorremos a circunstancias vividas, á memoria de aquel avó que machucaba cun martelo o turrón duro (porque a súa dentadura postiza non lle permitía “roelo”) no lareira da cociña, os cantos da nai, as beberolas dos maiores (namentras os pequenos nos apoderabamos dos figos e as pasas)… e volves ás lembranzas e a contar, sen erros, aos que xa non están con nós.
Son, as de Nadal e Aninovo, festas nas que se honra máis na memoria aos finados que aos vivos e que, en boa medida, nen deberiamos denominar festas.
O que non quer dicir que non me sume a estas e que, desde esta páxina virtual do Barbanza, desexe o mellor a todos os lectores: que o ano 2024 sexa o da concreción de cantos plans teñen previsto realizar e que cada paso na andaina da vida os conduza a este obxectivo.
Que así sexa!.



