Pontón propón dende Rianxo un fondo extraordinario de axudas ao marisqueo pola mortaldade nas rías

14 Decembro 2023

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou este xoves 14 de decembro o concello de Rianxo, onde, acompañada da portavoz parlamentaria de Pesca, a pobrense Rosana Pérez, comprobou de primeira man a mortaldade masiva de marisco na ría, sobre todo ameixa e berberecho, pero tamén outras especies. Fíxoo na compaña da confraría local e de mariscadoras e mariscadores da vila. Ao seu xuízo, a morte recente de toneladas de mariscos é “un dos grandes problemas do sector xusto na campaña de Nadal” e supón, dixo, un “mazazo tremendo” para miles de familias que dependen directamente do marisqueo.

Pontón propuxo en Rianxo un fondo extraordinario de axudas para compensar a caída nos ingresos das mariscadoras e mariscadores afectados. Pontón foi crítica co Executivo de Alfonso Rueda por “non estar á altura e limitarse a poñer escusas como que en Galiza chove, cando en Galiza leva chovendo moito durante toda a súa historia, sen enfrontar o problema de fondo de perda de produtividade que levan padecendo as rías galegas dende hai décadas”.

A líder nacionalista urxiu á Xunta, que “ten as competencias exclusivas na materia”, a asumir a súa responsabilidade e facilitar solucións a curto prazo como o plan extraordinario de axudas proposto polo BNG, xa que a declaración de zona catastrófica “pode ser unha medida, pero sabemos que é a longo prazo” e non dá resposta á urxencia que require a situación para as mariscadoras e mariscadores que “levan meses sen ter absolutamente ningún ingreso ou moi pouquiños”.

De igual xeito, defendeu a creación dun comité de crise -integrado por Xunta, sector, universidades e centros de investigación- para abordar “o problema de fondo”, a perda de produtividade nas rías que, segundo indicou, “vénse acelerando nos últimos anos” e ante o que o Goberno do PP “o único que fixo foi facer como que non existía”. “

Pontón tamén defendeu a posta en marcha dun protocolo para o baleirado dos encoros co fin de evitar que desauguen en baixa mar sen ter en conta o dano que pode sufrir o marisqueo, provocando “a morte de todo o traballo de meses” e provocando, polo tanto, unha evidente afección económica e medioambiental.

A maiores avogou por un estudo científico para abordar “en serio” o problema de contaminación que sofren as rías e abordar dunha vez por todas a súa rexeneración para que recuperen a súa calidade medioambiental e as súas zonas produtivas, converténdoas en motor económico de futuro.  

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Rodar e rodar”. Carlos Moledo

“Rodar e rodar”. Carlos Moledo

Recordarán los lectores que hace apenas quince días Galicia estaba inmersa en unacaloradísimo debate socio-político planteado por múltiples formaciones políticas, algunas yacasi extintas a día de hoy, al menos hasta dentro de cuatro años. Dichos partidos políticos,...