Outes consensúa a Declaración de Dereitos do río Tins

16 Decembro 2023

Este venres 15 de decembro medio cento de persoas déronse cita na Casa da Cultura de Outes para consensuar unha proposta de “Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da veciñanza ribeirá”. Trátase da primeira vez que desde un concello se busca recoñecer os dereitos dun elemento natural, como poden ser o dereito á protección e á conservación, ou a non ser danado nin contaminado, máis tamén se asumen compromisos colectivos para asegurar que estes dereitos son respectados.

As participantes, entre as que se encontraban representantes do tecido asociativo local, da comunidade educativa e veciñanza a título individual, así como do propio concello e das institucións que participan do proxecto ReNatur_Outes, discutiron cada un dos nove dereitos propostos, analizando de que xeito se están vulnerando na actualidade e que accións serían necesarias para garantir o seu cumprimentos.

As achegas propostas durante a xornada serán integradas no rascuño final da Declaración, que será levada a pleno municipal a principios do próximo ano para a súa adopción formal por parte da corporación do Concello de Outes. Deste xeito, a Declaración servirá como marco para orientar as políticas públicas relativas á xestión do espazo fluvial mais tamén como referente para iniciativas da propia sociedade civil e do tecido asociativo, educativo e empresarial do concello.

A Declaración encádrase nas experiencias internacionais de recoñecemento dos dereitos da natureza, estabelecendo dereitos intrínsecos asociados a diversos ecosistemas. Xa son máis de 30 os países nos que se adoptaran instrumentos lexislativos para o seu recoñecemento, en moitos casos referidos a determinados cursos fluviais como o río Whanganui en Nova Zelandia, o río Ganxes na India, o río Buriganga en Bangladesh ou o río Atrato en Colombia. O Tins será o primeiro río de todo o Estado ao que se lle recoñecen os seus dereitos, logo de que en 2022 se recoñecese a lagoa do Mar Menor como un ecosistema como suxeito de dereitos.

Por outra parte, a xornada tamén serviu para que as distintas entidades que participan do proxecto presentasen ante a veciñanza o traballo feito durante os últimos doce meses así como as previsións para o próximo ano. Logo da presentación por parte do Alcalde de Outes, Manuel González, interviron representantes da Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, Fundación CEER e Fundación Montescola, dando conta dos avances en cada eixo do proxecto.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de persoas investigadoras das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Outros artigos

Creactivity chega a Porto do Son a principios de febreiro

CREACTIVITY de EduCaixa e Fundación “la Caixa” é un espazo enmarcado no movemento Design Thinking, que pon en xogo a creatividade, a experimentación e a innovación. Proponse unha exploración libre, individual ou colectiva, que permite planificar, crear e construír...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión