Unha vez rematen as vacacións de Nadal, a Xunta prohibirá o uso de teléfonos móviles aos alumnos dos centros de ensino tanto nos recreos coma no comedor, entrada e saída dos colexios. Obviamente tamén durante as clases. Esta prohibición poñerase en marcha cando se reanuden as actividades escolares.
A decisión da Xunta foi acollida satisfactoriamente tanto polos pais dos alumnos como polo profesorado, cansos uns e outros de comprobar como os alumnos prestan máis atención, en moitos casos, a unha comunicación máis ou menos intrascendente a través do teléfono que ás materias que se deben preparar en cada curso ou circunstancia.
O que chama a atención neste caso é a tardanza por parte do goberno galego en poñer en práctica o previsto no Decreto 8/2015 de 8 de xaneiro, que xa prohibía este uso indiscriminado dos móbiles en clase.
O punto 4 do artigo 19 do citado Decreto, estabelece nas normas de convivencia que “se prohíba o uso de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos como mecanismos de comunicación durante os períodos lectivos”, polo que non se entende este retraso na aplicación dunha norma considerada indispensable para o debido funcionamento dos centros. Queda por determinar, segundo o presidente da Xunta, ata que idade chegará esta prohibición: se ata os 16 ou os 18 anos. Esta cuestión está pendente de decidir xunto coa comunidade educativa.
Sexa como fora, esa prohibición, como se di, xa estaba en vigor e mesmo fora do horario lectivo, tendo vixencia tanto nos centros públicos como nos privados e concertados tanto nos recreos coma nos comedores ou actividades extraescolares. A prohibición rexe desde o ano 2015 e só poden ser usados os móbiles con fins pedagóxicos ou baixo supervisión dun profesor.
A proposta da Consellería de Educación sobre a extensión da prohibición do móbil nos colexios recibiu luz verde e agora deberá ser abordada polas directivas dos centros e as asociacións de nais e pais de alumnos (ANPA).



