O noiés Manuel López Rodríguez recibe o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

11 Decembro 2023

O Premio de Poesía Lorenzo Baleirón, edición XXXVI, foi dar este sábado 9 de decembro ao seu gañador: o poeta noiés Manuel López Rodríguez, pola súa obra As palabras do sur. O xurado do galardón, convocado novamente polo Concello de Dodro, valorou a “consistencia do proxecto, tanto a nivel estrutural como polo que respecta a cada poema en particular, así como unha complexidade que dá pé a varios niveis de lectura”. O autor recoñeceu sentir unha alegría especial por ter recibido a dita distinción, xa que á relevancia do mesmo (“o gran premio galego de poesía ao que todos os poetas aspiran”), dixo, cómpre sumar a súa admiración ao poeta que dá nome ao certame, o autor local Eusebio Lorenzo Baleirón, a quen reivindicou como peza clave da poesía galega e como futuro homenaxeado do Día das Letras Galegas, distinción que recoñeceu que hai anos que debera terse materializado.

López Rodríguez dedicou o premio “a todos os nenos que morren nas guerras. […] Ningún neno, ningunha nena, deberían ser obxectivo nunha guerra”. O rexedor, Francisco Xabier Castro Tourís, tamén tivo palabras para poñerse do lado dos que sofren, “nun xenocidio a catro horas de avión de onde estamos sentados”.

Esta edición do premio estivo coordinada pola poeta Elvira Ribeiro e formaron parte do xurado as escritoras Chus Nogueira, Lorena Souto e Brenda Mondelo, xunto co alcalde e o concelleiro de Cultura de Dodro, Francisco Xabier Castro Tourís e Ramón Abuín Gómez.

O gañador do XXXVI Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, Manuel López Rodríguez, naceu en Noia e comezou a escribir poesía con dezaseis anos. Foi co-fundador do Colectivo Literario Sacou, da Asociación Cultural Éteatro e da Asociación Audiovisual Paradiso.

Ten publicadas numerosas obras como Antítese nativa en Acha Escrava, Rompe en Urutau Editora, Desde onde non nace e Vangarda ule en Medulia Editorial, Nas pulsacións en Espiral Maior, Para que non me esqueza en Edicións Fervenza, Baixo terra. No ar en Xerais, O cemiterio. A néboa en Edicións Fervenza, A flor da letra (Estampa de lectura con percusión, para nenos e nenas) en Edicións Embora, Neste mesmo intre pola Deputación da Coruña e Cruceiro na Editorial Caldeirón.

Ao longo da súa traxectoria literaria recibiu, entre outros, os seguintes galardóns: XIV Premio de poesía Suso Vaamonde, Premio López Ardeiro de Poesía (2019), II Premio de Poesía Eduardo Pondal, Premio de poesía Concello de Carral (2020), Premio de poesía Avelina Valladares (2021, 2022 e 2023), XXVI Certame de Poesía Francisco Añón e o XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía.

As palabras do sur de Manuel López Rodríguez será publicada no ano 2024, nunha editorial de recoñecido prestixio.

Outros artigos

O Concello de Dodro toma medidas pola ameaza da seca

A situación de diminución progresiva nas reservas de auga do concello de Dodro obriga ao Concello a tomar medidas. O obxectivo, en palabras do Consistorio, "é garantir o abastecemento de auga para o consumo humano e os usos esenciais". Engade que en todo caso "son...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Recreación histórica” – Xulio Xiz

“Recreación histórica” – Xulio Xiz

As festas de recreación histórica están de  moda. Algunhas, coma o Arde Lucus, permiten a unha cidade reivindicar con entusiasmo feitos do pasado, conseguindo difícil unanimidade arredor dunha historia, lenda ou idealización. O mesmo acontece con labores extintas,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.