
Vigo (a cidade olívica) non é o único Vigo nin tampouco o acendido das luces de Nadal é un acontecemento exclusivo de seu.
En Vigo (Dodro), con moitas doses de retranca, levan anos xogando coa coincidencia toponímica para regalarnos un Nadal igual de relevante pero dende logo moito menos multitudinario, saturado, consumista e desproporcionado.
Quen queira desfrutar desta alternativa viguesa (dodrense) ao Nadal vigués (olívico) que copa os medios de comunicación e as excursións turísticas de boa parte das galegas e galegos está aínda a tempo de participar na súa inauguración oficial, xa que este sábado está prevista a cerimonia oficial do prendido das luces, a partir das 21.00 horas.
Será unha festa aberta á plena participación de veciños e residentes que contará coa presenza do alcalde, Xabier Castro. Co acendido das luces dará comezo o Nadal en Vigo.
O acto estase a acompañar, nestes intres previos, dun lema que deixa claras as intencións dos veciños e do Concello: “Non precisamos nin ir ás Rías Baixas nin gastar millóns de euros para desfrutar dunhas festas moi nosas”.



