O DOG publica o Plan Xeral de Ordenación Marisqueira 2024-2026 que recolle a veda extraordinaria nos bancos de Lombos, Bohído e Cabío en Arousa ata abril

29 Decembro 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolleu hoxe a publicación da Orde do 21 de decembro de 2023, pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026. Trátase do segundo con vixencia trianual, logo da aprobación do Decreto 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas. Mediante a orde mencionada, aprobáronse un total de 92 plans de xestión dos que 46 corresponden ás autorizacións administrativas; e os outros 46 son plans específicos para as zonas de libre marisqueo.

Unha das principais novidades que inclúe a orde para o próximo trienio é que os bancos de Lombos do Ulla, Bohído e Cabío ata agora suxeitos a plan de xestión, pasarán a incorporarse as zonas de libre marisqueo e rexeranse polas normas das mesmas. Tamén se recolle que no primeiro trimestre do ano, entre o 2 de xaneiro e o 31 de marzo, se desenvolverá unha veda extraordinaria por causa de forza maior nestos tres bancos para protexer os stocks de recrutas e pre-recrutas de bivalvos, así como os reprodutores presentes nestas áreas de cultivo de moluscos.

Por provincias, apróbanse 45 plans na provincia de A Coruña, 3 na de Lugo e 47 en Pontevedra. Estes plans de xestión contemplan obxectivos biolóxicos, ecolóxicos, económicos e sociais a tres anos, niveis de referencia e indicadores, así como estratexias de actuación, que atenden ao uso sustentable e a longo prazo dos recursos marisqueiros. Dentro dos obxectivos ecolóxicos destacan a participación das persoas mariscadores en actividades relacionadas coa protección da biodiversidade e ecosistemas mariños.

Os obxectivos socioeconómicos están maioritariamente relacionados coa mellora dos ingresos e o mantemento ou creación de emprego. Así, ao abeiro dos plans de xestión está prevista a incorporación de profesionais tanto ao sector de marisqueo a pé a como a flote, co fin de consolidar os niveis de ocupación e a dinamizar a economía na costa galega.

A previsión de incorporación de novos participantes nos plans de xestión de recursos xerais aprobados para o trienio 2024-2026 e como segue: 200 novos participantes nos plans a pé e 16 embarcacións e 108 habilitacións no caso dos plans dende embarcacións.

Entre os obxectivos ecolóxicos destaca a participación do sector na recollida del lixo mariño e o control de especies alóctonas algunha das cales pode ser consideradas invasoras. Así, o 52 % dos plans de xestión contemplan actividades de limpeza de lixo e o 23 % de alóctonas/invasoras. Estes obxectivos amosan o elevado grado de implicación do sector na protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños.

Como novidade, engádese unha cota máxima de captura para a ostra rizada (Magallana gigas) nas zonas de libre marisqueo. Trátase dunha especie alóctona cun elevado potencial colonizador, polo que esta nova cota de captura pode contribuír a que esta especie se manteña no ámbito actual de distribución, e ao mesmo tempo permite obter un beneficio económico coa súa explotación como recurso marisqueiro.

A xestión do recurso nos plans de xestión vixentes, xunto co seguimento técnico permanente, permite manter o incremento do período de autorización da actividade marisqueira ata un máximo de 3 meses, o que permite maior simplificación administrativa para as entidades asociativas do sector. 

As xefaturas territoriais, durante o desenvolvemento dos plans trianuais, poderán adaptar medidas en función da evolución dos obxectivos ou de que se produzan circunstancias que dificulten ou incrementen o potencial do plan. A flexibilidade do marco trianual mediante a adaptación das medidas realizarase logo de consulta coas entidades titulares do plan de xestión.

Neste senso, as medidas de xestión aprobadas ás entidades no marco do plans de xestión, poderán ser obxecto de reaxustes, dado que durante o outono de 2023 foron rexistrados temporais e precipitacións intensas que deron lugar a episodios de salinidades baixas, provocando mortalidades nos moluscos bivalvos con diferente intensidade.

A orde tamén regula, as solicitudes e prazos dos plans de xestión marisqueira para o seguinte trienio, así como dos plans de xestión de nova incorporación para dar resposta a novas iniciativas do sector que podan ter lugar nos próximos 3 anos.

A Orde da Consellería do Mar do 28 de setembro de 2020 que modificaba determinados plans de explotación marisqueira polas obras de dragaxe na ría do Burgo introducía unha cláusula en determinados plans de xestión da confraría de pescadores pola que non se podería exercer a actividade marisqueira unha vez iniciada a execución do contrato de obras do proxecto mencionado ata a súa culminación. Na presente orde recóllese de novo unha cláusula pola que se suspende a actividade extractiva de acordo co proxecto de dragado para asegurar a normal execución da obra, todo co fin de no futuro traballar para a recuperación da actividade produtiva dos seus bancos.

Crustáceos

En relación aos períodos autorizados para a captura de crustáceos o plan xeral establece que está permitido capturar durante os tres anos: nécora do 1 ao 5 de xaneiro e do 1 de xullo ao 31 de decembro. No caso do lumbrigante, o período autorizado de captura vai do 1 de xaneiro ao 31 de marzo e do 1 de xullo ao 31 de decembro.

No caso da lagosta, esta poderá extraerse entre o 1 ao 5 de xaneiro e do 1 de abril ao 30 de setembro. En relación ao santiaguiño, o plan establece que se poderá capturar do 1 ao 5 de xaneiro e do 1 de outubro ao 31 de decembro. Ademais especifica que o conguito, o patulate e o cangrexo se poderán extraer durante todo o ano.

Estes períodos poderán modificados pola dirección xeral competente en materia de pesca dependendo do estado do recurso e dos informes emitidos polo persoal técnico.

De igual xeito que en anos anteriores, aquelas entidades asociativas que así o recolleron nos seus plans de xestión, reservan zonas nas que os titulares de licenzas de pesca marítima de recreo en superficie podan capturar un máximo de 50 poliquetos/día, sen interferir coa actividade extractiva. As zonas reservadas polas entidades asociativas do sector para este fin publicaranse na web https://www.pescadegalicia.gal/gl/poliquetos.

Outros artigos

Domingo regresa o sol e empeza a subir a temperatura

Na xornada do domingo seguiremos con aire frío en altura xerando inestabilidade atmosférica. Unha situación que favorecerá a formación de chuvascos, localmente treboentos, máis probables e frecuentes no interior e nas horas centrais do día. As temperaturas mínimas...

+

Ribeira pon en valor o traballo das mulleres no mar

O Concello de Ribeira conmemorou o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo rendendo unha homenaxe a tres mulleres extraordinarias que dedicaron as súas vidas a unha profesión fundamental para a nosa comunidade: o marisqueo. O concelleiro de Mar, Fernando...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

Andrés do Barro, cantante, compositor de soul galego, grandes éxitos dende 1975 onde as linguas do Estado foron confinadas, censuradas, ata acadar o primeiro posto nas listas dos discos máis vendidos en España tres veces seguidas: primeiro en 1969 con O trem , logo en...