
O Concello de Boiro desenvolve, coa colaboración dos Concellos de Rianxo e A Pobra do Caramiñal, un Programa Integrado de Emprego durante o ano 2023-2024 mediante o que se van formar 100 mulleres desempregadas da comarca do Barbanza. As inscricións para participar están abertas e poden facerse no departamento de Emprego do Concello de Boiro. O Programa, que ten como finalidade a formación para a inserción laboral de persoas desempregadas, chega este ano á súa quinta edición cunha media de inserción por curso do 52%. En total atoparon traballo unhas 208 persoas logo da súa participación en algunha das edicións.
A convocatoria deste ano está destinada a 100 mulleres da comarca inscritas como demandantes de emprego que, durante un ano, recibirán formación específica acorde aos principais sectores produtivos da zona, así como formación transversal orientada á mellora de habilidades para a empregabilidade e inserción laboral.
A formación específica por módulos deste Programa inclúe envasado, acondicionado e embalaxe de produtos alimentarios; elaboración de pezas cárnicas; sistemas e procesos loxísticos; mercadotecnia en liña; atención ao cliente… así como formación en habilidades sociolaborais, idiomas e novas tecnoloxías, prospección de ofertas de emprego…
As participantes contarán cunha bolsa de asistencia de 10 euros por día, así como un módulo específico de prácticas en empresas do Barbanza.
Ademais, para facilitar a conciliación, os ditos Concellos apostarán polas novas tecnoloxías permitindo a adaptación do horario e a flexibilidade en función da necesidade das asistentes.
Para participar as persoas interesadas deben inscribirse como demandantes de emprego na Oficina de Emprego e solicitar a asignación do código 930. Máis información sobre o programa nos enderezos electrónicos cesar.cortinas@boiro.gal e fatima.gomez@boiro.gal ou nos teléfonos 650 042 409 ou 659 247 963.
O Programa Integrado de Emprego 2023-2024 do Concello de Boiro en colaboración cos Concellos de Rianxo e A Pobra do Caramiñal está financiado pola Consellería de Promoción do Emprego da Xunta de Galicia e con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).



