Máis de 300 persoas participan nas probas físicas do proceso selectivo para cubrir 89 prazas de Policía Local en 24 concellos entre eles O Son e Noia

02 Decembro 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe ás máis de 300 persoas que participan hoxe e mañá no terceiro exercicio do proceso selectivo de acceso a 89 prazas de Policía Local convocadas por 24 concellos de xeito centralizado a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Trátase das probas físicas que se desenvolverán no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (CGTD) e ás que se someterán os aspirantes que xa superaron o test de coñecementos e a proba de coñecemento de lingua galega do pasado setembro. Xa estaba previsto que se celebraran os pasados 3 e 4 de novembro pero tiveran que ser adiadas pola meteoroloxía adversa.

Os exercicios inclúen probas de velocidade e de resistencia xeral con carreiras de 500 e 1.000 metros lisos respectivamente; probas de potencia de tren superior -flexións de brazos para homes e suspensión en barra para mulleres- e de potencia de tren inferior mediante salto horizontal, así como unha proba de natación de 25 metros en estilo libre.

As persoas aspirantes que superen estas probas físicas deberán someterse a unha proba psicotécnica que determine as actitudes e aptitudes persoais e a súa adecuación ás funcións policiais. Tamén deberán pasar un recoñecemento médico para garantir que estean nas condicións axeitadas para o desenvolvemento da súa actividade.

O último paso do proceso corresponde ao curso selectivo de formación teórica e práctica na Academia Galega de Seguridade Pública. Así, as persoas que cheguen a esta fase formarán parte desde xaneiro da 16ª promoción de Policía Local para ser finalmente nomeadas persoal funcionario de carreira na categoría de policía no correspondente concello.

Cooperación cos concellos

A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de policía local,  a través dun convenio de colaboración cos municipios que decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos de Policía Local. A día de hoxe, 91 concellos delegaron na Xunta a selección do seu persoal de Policía Local, o 70% dos que dispoñen deste corpo.

Dos 24 municipios que ofertan 89 prazas a través desta convocatoria, a meirande parte son da provincia da Coruña, con A Coruña, Ames, Bergondo, Betanzos, Carballo, Ferrol, Muxía, Narón, Noia, Padrón e Porto do Son. Da provincia de Pontevedra figuran prazas nos municipios de Baiona, Caldas de Reis, Cuntis, Gondomar, Marín, Ponteareas, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa. A todos estes súmase o de Lugo.

Outros artigos

Proseguen os traballos de extinción do lume de Ribasieira (O Son)

Este martes 22 de setembro segue activo o lume forestal do concello de Porto do Son, orixinado e focalizado (polo de agora) na parroquia de Ribasieira, nun lugar de difícil acceso que pola súa complicada orografía e pola precariedade dos accesos motivou onte o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.