Un coñecido neurólogo e escritor español xa falecido, Carlos Castilla del Pino, ocupado nos seus intres libres en reflexións cargadas de sentido común, deixou dito o que a todos se nos antolla obvio, “hai erros na vida, e hai vidas erradas: son cousas distintas”.
A líder do BNG e recentemente proclamada candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, adoita recoñecer que na década de decaemento do BNG, tras a frustrada experiencia do bipartito á fronte da Xunta, a súa formación cometeu erros. Pero ben que se coida de dicir cales, o que axudaría a todos á necesaria reflexión.
Do que tampouco fala a líder do BNG é do recalcitrante seguidismo que a súa formación vén facendo dende hai décadas respecto de Bildu ou ERC e, aínda, de Junts e o PNV. Relacións que, en palabras de Xosé Manuel Sarille –quizais quen con mellor visión analítica estudou a evolución da formación nacionalista galega-, “sempre acabaron sendo mais incómodas que convenientes e apenas lles reportan beneficios, nin sequera simbólicos”. E é que, engade, “son reacións que amosan ademáis un certo complexo de inferioridade. Devecen por unha homologación que transparenta pouca confianza nas propias forzas”.
Pero hábiles no manexo desa bicefalia calculada -actuar en Madrid mesmo contra os propios intereses galegos con tal de aparecer asimilados a ERC ou Bildu e correr desde aquí un “estúpido” veo que supostamente opaque aqueles reiterativos comunicados conxuntos- a pata de lobo que a UPG asoma alí modúlase aquí cunha linguaxe máis comedida, tratando de conectar coa cidadanía dende un plano amable, libre das estridencias que o seu único representante no Congreso –ían para grupo propio!, acórdanse?- repite un día si e outro tamén como triste convidado de pedra presto sempre para a compracencia dos intereses de vascos e cataláns.
Dende a convencida autosuficiencia -volvemos a Sarille- “de asumirse sen recanto como a representación orgánica da verdadeira Galicia e considerarse en posesión do metro de platino iridiado que mide o ben e o mal que se lle fai ao país”, non dubidan en subirse ao monte da radicalidade ata o punto de caer na simpleza de deslexitimarse a si mesmos, ao facelo cunha institución do Estado que se fundamenta na mesma Constitución que recoñece a súa propia existencia como formación política.
Así, engadindo máis sal ao maleducado xesto de ausentarse do acto de celebración do Día da Constitución no Congreso dos Deputados, do mesmo xeito que na solemne sesión de apertura da nova lexislatura por mor da presenza do rei Felipe VI, atrévense a poñer a súa firma a un escrito –“No tenemos Rey”- que non soporta a mínima análise de racionalidade, truncado como está de demagoxia, mentira e provocación –nun intento de reescribir non xa a historia, senón tamén as leis á súa particular conveniencia- coa deslexitimación da institución da Monarquía dende o convencemento -estarán nos seus cabais?- de que a cidadanía se crerá o mantra de que a institución monárquica foi “imposta polo ditador Franco e ser, nesa medida, unha herdanza do franquismo”.
Son conscientes que ao facer esa descualificación da Carta Magna están a facela tamén do artigo sexto, “os partidos políticos expresan o pluralismo político… A súa creación e o exercicio da súa actividade son libres dentro do respecto á Constitución e á Lei”?.
Pero hai que ser, por demais, moi ousado para pensar que esa radicalización en contra da Monarquía vai ter réditos electorais entre unha cidadanía, a galega, que aprobou no seu día a Lei que garante a existencia da Monarquía e das formacións políticas cun 89 por cento dos votos emitidos.
É dicir, por máis que a tranquilizada mensaxe da súa candidata á Xunta fuxa, como da auga ardendo, de profundar nesas actitudes provocadoras, a irrefreable e repetida reiteración do actuado en Madrid lévanos á afirmación de Castilla del Pino de que o BNG máis que cometer erros na vida, a súa propia esencia – por incoherente, excluínte e dependente- non é senón a máis fidedigna constatación dunha vida errada. Ou por dicilo con outras palabras, o BNG, como a Palestina do refrán, “nunca perde a oportunidade de perder unha oportunidade”.



