A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ven de investir preto de 2 millóns de euros na construción do novo edificio de
departamentos para usuarios no peirao de Rianxo. Así o comunicou esta mañá o titular do departamento autonómico, Alfonso Villares, nunha visita ao porto rianxeiro, acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez.
O conselleiro do Mar comprobou na súa visita a finalización das obras de construción dos 22 novos departamentos que veñen de ser postos a disposición dos titulares dos antigos locais. Unha vez ocupados todos os departamentos polos usuarios que xa dispuñan dun local antigo, procederase a facer convocatoria pública para a ocupación dos vacantes.
Os novos departamentos contan con superficie destinada ao almacenamento de utensilios propios da actividade profesional e dispoñen ademais cun pequeno aseo. A cuberta de ambos edificios componse de material metálico lixeiro, os teitos contan cunha capa de cartón xeso resistente ao lume e os solos son de formigón pulido.
Acompañado polos técnicos, Alfonso Villares explicou que os edificios contan tamén con instalación de auga, electricidade, saneamento e preinstalación de telecomunicacións.
Neste sentido, o conselleiro subliñou que se trata dun edificio de deseño singular e moi coidado arquitectonicamente dado que se integra na contorna dun ben cultural protexido como é a igrexa ubicada no porto. Con esta dotación, a Xunta de Galicia mellora as
condicións de traballos dos profesionais do mar que operan no porto rianxeiro.
Ademais, cifrou en 2,6 millóns os grandes investimentos nesta dársena desde decembro de 2022 e ao longo de 2023, pois á obra dos departamentos sumouse a ampliación dos pantaláns pesqueiros, a substitución dos pantaláns que utiliza o sector mexilloeiro e a renovación das defensas. De cara o futuro, o pasado mes de outubro Portos de Galicia consensuou co sector portuario de Rianxo -confraría, bateeiros e club náutico- o proxecto de remodelación e ampliación das prazas de amarre do sector profesional, que propiciará un novo investimento que roldará de novo os dous millóns de euros.
Sinalou ademais que coa súa presencia neste peirao o obxectivo é abordar cos seus profesionais as necesidades que poda haber, manifestando que o obxectivo da Consellería que dirixe é o de contribuír a resolver os problemas e dificultades do sector pesqueiro, acuícola e marisqueiro, que como ven recolle a Lei do Litoral de Galicia, son esenciais para a comunidade. “E non falamos so de presente”, sinalou o titular de Mar, “hai anos bos e anos malos, pero temos moitísimo futuro”, destacou.
Manifestou que os investimentos realizados a través de Portos de Galicia oriéntanse a favorecer a mellora e competitividade do sector marítimo-pesqueiro. “Estamos a traballar por todo o noso tecido mar-industria, polos nosos mariñeiros e as nosas mariscadoras, e quédannos moitas cousas por facer”, sinalou Alfonso Villares, que comprometeu todo o esforzo dos equipos do seu departamento en favor do sector.
Rebaixa do IVE
Cuestionado sobre as accións que está a realizar a Xunta para reclamar a rebaixa do IVE dos produtos do mar ao Goberno central, para propiciar o incremento do seu consumo como reclaman desde o sector -desde os armadores ás pescaderías-, o responsable
autonómico sinalou que se leva anos reclamando ao Estado porque o descenso no consumo de peixe está afectando á saúde das persoas.
Sinalou o agravio comparativo que supón que se rebaixasen certos produtos da cesta da compra e se deixase fóra sen explicación aos alimentos mariños, unha das proteínas de maior calidade que existen. “Estase discriminando aos produtos do mar”, sinalou,
recordando que países veciños como Portugal ou Francia sí que o están a facer. “A xente ten que consumir máis peixe, é unha cuestión de saúde”, apuntou Alfonso Villares, resaltando a aposta pola promoción destes produtos que se fai desde a Xunta de Galicia.
Ademais do respaldo da propia Comisión Europea e das autoridades da Competencia, entre outras, recordou que a Consellería do Mar presentou a semana pasada un informe realizado en colaboración coa Universidade de Santiago (Grupo de Investigación en
Economía Pesqueira e os Recursos Naturais) e a Universidade da Coruña que certifica que reducir á metade este imposto (do 10% actual ao 5%) podería chegar a crear preto de 5.600 novos empregos e xeraría un valor engadido bruto de 28,5 millóns de euros,
aumentando ademais o consumo de peixes, mariscos e conservas.
A patronal da Pobra achega este Nadal 2.000 euros en premios e un iPhone 16
A Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal volve recompensar as compras locais durante estas festas de Nadal ao tempo que impulsa e dinamiza o tecido comercial. O gran protagonista da Campaña de Nadal da patronal da Pobra será o gran sorteo presencial que vai...