
A Xunta apelou hoxe aos grupos parlamentarios para que se poñan do lado do Executivo galego e apoien a petición ao Estado de que retire o recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia pois trátase dunha normativa que non vai contra ninguén e só busca defender os intereses de Galicia e as súas competencias exclusivas.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, compareceu a petición propia no Parlamento para expoñer as políticas de ordenación do litoral do seu departamento e aproveitou para reclamar unidade a todos os grupos da Cámara na defensa dunha norma que busca ofrecer seguridade xurídica a todas as persoas que viven na costa e garantir tanto o presente como o futuro das distintas actividades que se desenvolven nela.
A representante do Executivo galego lamentou que o recurso do Estado contra a lei galega ten máis de político que de xurídico como demostra o feito de que o Goberno central descartase a vía do diálogo e optase directamente pola xudicial sen ningún tipo de contacto previo coa Xunta. “Non nos deu a oportunidade de sentarnos a falar malia a nosa vontade de facelo. O único que busca a lei é defender os nosos intereses e ordenar de forma integrada a costa coa participación de expertos, concellos ou representantes da cadea mar-industria, algúns deles presentes aquí hoxe”, destacou Ángeles Vázquez.
A vicepresidenta segunda incidiu en que a normativa -aprobada polo Parlamento galego hai xusto cinco meses- non vai contra ninguén e responde á competencia exclusiva en materia de ordenación do litoral que lle atribúen á comunidade tanto o Estatuto de Autonomía de Galicia como a lexislación estatal, algo que tamén recoñece o ditame emitido polo Consello Consultivo de Galicia en 2022.
Outra mostra de que o recurso é máis político que xurídico é o feito de que o Goberno central unicamente teña en conta na súa argumentación aquelas cuestións do ditame do Consello de Estado que avalan as súas pretensións e desbote aquelas que non lle interesan. Entre elas, que obvie o feito de que o informe ve constitucional que a normativa galega estableza que os establecementos da cadea mar-industria poden asentarse en espazos de dominio público marítimo-terrestre, incluído dos portos, ou a harmonización dos intereses da economía coa protección do medio ambiente.
Ángeles Vázquez lamentou que este xeito de actuar do Executivo estatal -descartando a vía do diálogo, dificultando o acceso á documentación do recurso, que presentou estando en funcións, e limitando o tempo de resposta da Xunta- se enmarca na súa estratexia para eliminar calquera vestixio humano da costa, independentemente do seu impacto nos eidos económico e social.
Agravio comparativo
A vicepresidenta segunda indicou ademais que a actitude do Estado con Galicia supón un agravio comparativo en relación con outras comunidades como o País Vasco. O Goberno central pretende exixir a modificación do estatuto galego para que a comunidade poida ordenar o litoral mentres que o acordo de investidura do PSOE co PNV recolle a cesión da xestión do litoral sen necesidade de modificar o estatuto vasco. “Quero lembrar que os estatutos de autonomía do País Vasco e Galicia son idénticos”, aseverou a titular de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Por iso, a Xunta exixe a retirada inmediata do recurso de inconstitucionalidade -como xa lle trasladou por carta á Vicepresidencia Terceira e Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico- por tratarse dunha decisión totalmente arbitraria e que suporía establecer que hai comunidades de primeira e de segunda.
“Galicia é plenamente competente para ordenar o seu territorio, incluído o costeiro, e defenderemos a validez da norma galega ata o final”, sentenciou Ángeles Vázquez, que lembrou que mesmo cargos do Goberno central como o ex-xefe da Demarcación de Costas de Galicia recoñeceron no seu momento que a xestión da costa galega “ten que ser feita polos galegos desde a Xunta”.
A estratexia do Estado neste eido, lembrou a vicepresidenta segunda, pon en risco o futuro de 4.000 edificacións e máis de 100 industrias asentadas na costa, o que afecta tamén a máis da metade da poboación de Galicia e ameaza, entre outros, os arredor de 40.000 empregos vencellados coa cadea mar-industria da comunidade.