Concienciar ás rapazas e rapaces sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de cambio na procura dun mundo máis sustentábel: este é o obxectivo da acción que realizou alumnado do CPR Divino Maestro na mañá deste 13 de decembro no seo do proxecto People & Planet: un destino común, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal.
Aproveitando que este mércores 13 de decembro era día de mercado na vila, a rapazada estivo recollendo pola contorna cabichas que despois introduciu nun acuario instalado na praza do Emigrante. Deste xeito, o líquido pasou de ser cristalino a, pouco a pouco, ir turbándose. Preténdese así mostrar como os referidos residuos contaminan a auga, do mesmo xeito que sucede no mar, pero a grande escala.
Todo isto foi acompañado dunha explicación sobre os riscos das cabichas para o medio ambiente, especialmente no medio mariño.
Con relación a isto, a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, puxo en valor este instrumento de sensibilización, especialmente por afecta-lo lixo mariño a produción de bivalvos, tendo en conta que A Pobra do Caramiñal conta con bancos marisqueiros.
A rapazada xa participara nun obradoiro previo impartido pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO). Algunhas das cuestións sobre as cales aprenderon foron as peculiaridades da denominada comunicación de guerrilla, a auga como un dereito humano fundamental e a toma de acción ante a crise climática global, segundo explicou a representante da entidade, Rocío Cadahía.
Tamén falaron Antón Rodríguez e Laura Lago, estudantes do referido centro educativo, que explicaron a súa experiencia nesta actividade que lles permite aprender a traballar en equipo e a importancia dos tres R: reducir, reutilizar e reciclar.