
O Concello de Rianxo mantén aberto, dende hai uns días, o prazo de licitación para a concesión dun dos sete postos vacantes no Mercado Municipal, así como de unha bancada. Segundo engaden fontes do Consistorio acerca desta medida co que se pretende dinamizar este espazo comercial e garantir que se lle tire o máximo proveito entre o tecido produtivo do concello, o procedemento para optar a un dos postos dispoñíbeis é “sinxelo e as condicións son moi vantaxosas”. Calquera dúbida que poida xurdir é posíbel solucionala cunha comunicación directa do Concello. Ademais, a información sobre o procedemento está dispoñíbel en formato PDF través da sede electrónica do Concello de Rianxo.
Segundo destacou recentemente o alcalde, Julián Bustelo, o procedemento de licitación acompañarase de diversas actuacións de posta a punto do inmóbel para recibir aos novos praceiros e praceiras. “Estamos convencidos e convencidas de que a licitación dos postos baleiros é só o comezo dun tempo novo para o noso Mercado Municipal”, concluíu Bustelo.



