A rianxeira Esther Carrodeguas protagoniza unha sección especial da axenda de Artes Escénicas de Compostela Cultura 2024

05 Decembro 2023

A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura do primeiro semestre do 2024 incluirá un Foco Esther F. Carrodeguas con tres dos máis recentes traballos que a dramaturga e actriz rianxeira desenvolveu coa compañía ButacaZero. Trátase das pezas IRIBARNE, O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada e Rapadasque se van representar os días 20 de xaneiro, 24 e 25 de maio, respectivamente.

De feito, IRIBARNE vai ser o espectáculo responsable de inaugurar a programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura o 20 de xaneiro no Auditorio de Galicia. Esta revisión da figura de Fraga en clave de humor é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous fundadores da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores propostas escénicas, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. Conta cun texto de Carrodeguas, coa dirección de Xavier Castiñeira e cun elenco conformado Mónica García, Xurxo Cortázar, Anxo Outumuro, Lidia Veiga, Jorge de Arcos e a propia Carrodeguas.

A seguinte cita do foco vai ser o espectáculo unipersoal O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada o 24 de maio no Teatro Principal. Cunha sinceridade crúa e o seu clásico humor irónico, Carrodeguas aborda neste texto de auto[non]ficción a relación co seu corpo, marcada pola gordofobia que se respira en calquera recuncho da nosa sociedade obsesionada coa fermosura.

Presentación do programa de Artes Escénicas de Compostela Cultura 2024

O ciclo pecharase coa representación de Rapadas o 25 de maio na Igrexa da Universidade. Esta obra nace da necesidade de compartir co público a documentación recadada por Carrodeguas sobre as mulleres rapadas na posguerra civil, no seu intento por escribir unha obra de teatro. A partir destes feitos, a autora investiga arredor do concepto histórico de “rapada”: de Xoana de Arcos ás Femmes tondues (colaboracionistas), de Britney Spears a Jada Pinkett, de blogueiras descoñecidas a modelos internacionais.

Neste camiño, Carrodeguas chega ata as mulleres que no 2022 se rapan a si mesmas en Ucraína tentando non resultar atractivas a posibles violadores durante a invasión. O elenco de Rapadas está integrado por Esther F. Carrodeguas, Juanma Lodo e Sabela Domínguez.

Un intre do espectáculo IRIBARNE

Alén dos espectáculos, grazas ás actividades #posfunción e #conversando, o público vai ter a oportunidade de dialogar con Carrodeguas e o resto do equipo dos espectáculos e coñecer o proceso de traballo que posibilita a realización das obras. Así, o venres 19 de xaneiro, ás 19 horas, está previsto un #conversando co equipo de Iribarne no Auditorio de Galicia, e ao remate da función d’O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, o 24 de maio no Teatro Principal, está programada unha #posfunción.

Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica.

Outros artigos

Adiado en Rianxo até o 17 de maio o acto de homenaxe a Rosalía

A Área de Cultura do Concello de Rianxo confirmou hoxe que por mor das condicións climáticas adversas previstas para este venres 23 de febreiro, o acto en lembranza de Rosalía de Castro que estaba previsto para a dita xornada na praza de Padrón (no paseo da Ribeira a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Reto astrolabio”. Alberto Barciela

“Reto astrolabio”. Alberto Barciela

El mar merece respeto, aun así reclama y admite audacias, quizás motivadas por el horizonte casi infinito. El ser humano, en la búsqueda de sí mismo, de completar inquietudes y afanes, de responder a su curiosidad, acepta con gusto el reto de los nuevos rumbos,...

“Paz e despois gloria”. Luís Celeiro

“Paz e despois gloria”. Luís Celeiro

Eles tamén ganaron, aínda que desta vez, como noutras ocasións, houbo perdedoresagochados detrás do parapeto da verborrea ou dese inmenso muro de silencio. Taménhoubo quen, con tristura e desacougo, admitiu a derrota e parece que está en disposiciónde intentalo...