
O Concello de Boiro celebra este domingo 3 de decembro a XVIII edición da Carreira Popular Mar de Boiro (16º memorial a Pepe Buceta), que congregará a 700 corredores e corredoras nas distintas categorías das tres carreiras que se van celebrar.
Fontes do Concello explicaron que para o correcto desenvolvemento da proba o domingo pola mañá haberá “restricións de estacionamento o o cortes puntuais de algunhas rúas para o paso dos corredores”. Así, non estará permitido o aparcamento na rúa Principal, ao longo da praza de Galicia, para a instalación da liña de saída; e tampouco se poderá estacionar na mediana da avenida da Constitución entre o cruce da Boliña e a rotonda de Espiñeira.
Dende o Consistorio explican tamén que durante a celebración da proba produciranse cortes puntuais de tráfico para o paso do pelotón da categoría xeral que sairá ás 11.00 horas e terá un percorrido de 10 quilómetros que sairá da rúa Principal e pasará pola avenida de Compostela ata praia Xardín; percorrerá o paseo marítimo ata o Saltiño; chegará ata a pedra da Bouza, Triñans e Mañóns e regresará a Boiro pola estrada de Abanqueiro e o núcleo da Boliña ata a rotonda de Espiñeira e meta na rúa peonil.
Ás 11.05 horas terá a súa saída a carreira de escolares de 2.500 metros que terá a saída na rúa Principal, percorrerá a av. da Constitución ata a rotonda de Abanqueiro e chegará á meta na rúa peonil. As carreiras mini e supermini farán un percorrido de 200 metros pola rúa peonil.
A entrega de premios terá lugar na praza de Galicia, onde se outorgarán trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría, así como para os tres gañadores absolutos nas categorías feminina e masculina. Premiaranse tamén aos tres primeiros corredores e tres primeiras corredoras empadroados en Boiro, ao participante de maior idade e haberá premios para a clasificación de Sapatilla Inclusiva.



