
A Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE) lanzou o día 11 de decembro a súa campaña especial de Nadal para celebrar e recompensar a fidelidade dos clientes aos comercios locais.
A campaña foi presentada o mesmo luns 11 na sede da ARE por Conchi Martínez, Adrián García e Cristina Muñiz (presidenta, vicepresidente e secretaria da entidade) e consta de dúas partes diferenciadas.
Por unha banda, os clientes terán a oportunidade de conseguir “vales por unha tirada na ruleta” cando realicen compras nos comercios participantes da campaña. Con eses vales poderán probar sorte na ruleta e gañar algúns dos diversos premios dispoñibles (paraugas, mochilas, botellas, cuncas, bolsas, lambonadas…) pero tamén servirán para participar no sorteo final de 10 vales de compra de 50 €.
A ruleta estará presente en varios puntos do Concello en horario de 17:30 a 20:30 horas:
O mércores 27 na Praza de Castelao.
O xoves 28 nos Xardíns da Martela.
O mércores 3 na Atalaia en Asados.
O xoves 4 en Campo de Pazos en Taragoña.
Como novidade, este ano, xunto coa ruleta haberá unha serie de actividades especiais. Para os máis pequenos, haberá inchábeis e obradoiros que “lles garantirán diversión mentres os seus pais realizan compras ou se toman algo na hostalería local”, explicaron dende a ARE, engadindo que “tamén se disporá dun posto de crepes para os máis lambóns e para o que se poderán conseguirse descontos especiais coas compras realizadas nos negocios asociados os días previos”.
Por outra banda, para os que prefiran a comodidade da participación en liña, a ARE ofrece a posibilidade de acceder á súa web (www.are.gal) é rexistrar os tíckets e facturas das compras e consumicións realizadas entre o 11 de decembro e o 8 de xaneiro en calquera dos negocios asociados. Isto permitirá participar noutro sorteo de outros 10 vales de compra de 50 €.
Os sorteos finais da campaña levaranse a cabo o día 10 de xaneiro na sede da ARE. Para obter máis información e detalles sobre como participar, podes visitar a páxina web oficial da Asociación Rianxeira de Empresarios.
Por último, este ano, tamén se instalarán varios photocalls de Nadal para que os veciños e visitantes poidan sacarse fotos divertidas. Estarán localizados na praza do Concello, nos xardíns da Martela, en Asados na Atalaia e en Campo de Pazos en Taragoña.



