A Xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez Masid, o director de Atención Primaria, Felipe Calle Velles, a directora de Recursos Económicos, María José López Rebollo e a subdirectora de Enfermaría, Montserrat Souto Pereira, realizaron unha visita ao Centro de Saúde de Outes, que se enmarca dentro do Plan Individual de Atención Primaria posto en marcha pola xerencia da área para coñecer as demandas dos profesionais dos centros de Saúde e PACs.
Durante a reunión que se mantivo co persoal do centro e o alcalde de Outes, Manuel González, abordáronse diversos temas relacionados, principalmente, coas inquedanzas sobre os recursos humanos do centro de saúde, ao o que os directivos da área responderon co compromiso de mantelos.
Tanto a doutora Núñez como o doutor Calle explicaron que teñen en conta a necesidade do relevo xeracional do centro e que contemplan estas novas incorporacións cando se leven a cabo as xubilacións. Está previsto que o vindeiro ano rematen a súa formación MIR 21 médicos na área compostelá (10 máis que este ano) o que facilitará estas coberturas.
Tras asegurar, tamén, a presenza da pediatra todos os días no centro, agradeceron o traballo e o bo facer dos profesionais que desempeñan o seu labor en Outes. Mostra dilo é a boa accesibilidade ás consultas, pois a maioría das axendas teñen citas dispoñibles no mesmo día ou ao seguinte.
Asemade, a xerente e os directores comunicaron que a través do plan de dotación da Consellería de Sanidade o centro disporá de 7 novas padiolas (5 hidráulicas de exploración, 1 de transporte e 1 de xinecoloxía), un holter, un ecógrafo, un desfibrilador e un sistema de monitorización (MESI) Eloína Núñez dixo “estar moi agradecida aos profesionais pola vosa dedicación, implicación e traballo diario” e asegurou que “podedes contar comigo para seguir nesta liña e poder continuar ofrecendo unha asistencia de calidade aos pacientes e un entorno óptimo aos profesionais”.
Pola súa banda o doutor Calle, tras expoñer os datos de actividade do centro, felicitou aos profesionais e destacou a atención que lle ofrecen aos pacientes.
A visita ao centro de saúde de Outes reflexa o compromiso da Área Sanitaria de Santiago de Compostela coa mellora continua da atención primaria. Tanto a xerente como os membros do equipo directivo que asistiron á xuntanza, reafirmaron o seu compromiso de seguir traballando en estreita colaboración cos profesionais da saúde e a comunidade para continuar garantindo unha atención de calidade e accesible para todos os cidadáns.
Xoves 10, chuvascos diminuíndo cara a noite e lixeira baixa térmica
Na xornada do xoves agárdanse intervalos nubrados con chuvascos intermitentes, máis frecuentes no oeste pola mañá e no interior nas horas centrais do día, remitindo cara á noite. As temperaturas sufrirán un lixeiro a moderado descenso. Os ventos soprarán frouxos,...