
O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, visitou este luns 6 de novembro o CEIP Santa Irene e mailo o CEIP Portosín, co obxectivo de supervisar a posta en marcha dos novos espazos para comedores que contaron cun apoio da Xunta de máis de 60.000 euros entre as dúas actuacións. Estas actuacións, sinalaron, “dan resposta ás demandas das ANPAs dos dous centros educativos para dar servizo á rapazada”.
Na visita ao CEIP Santa Irene, Trenor lembrou que este ano realizouse tamén “unha importante actuación de renovación da súa cuberta cun investimento de máis de 265.000 euros”. A obra, dixo, “consistiu na retirada do material de cobertura da cuberta actual (placas nervadas de chapa simple, sen ningún tipo de illamento) por paneis sándwich de chapa de aceiro galvanizado resistente aos ambientes mariños”.
Engadiu que “dende o Goberno autonómico seguimos reforzando a nosa aposta pola educación pública de calidade impulsando distintas melloras nos centros educativos dos concellos con obras de maior ou menor envergadura, de mantemento e conservación ou dirixidas a garantir unhas instalacións axeitadas e dotadas con todos os medios necesarios”.

Posteriormente desprazouse ata o CEIP Portosín Trenor onde visitou o novo comedor e lembrou que “un dos retos de futuro deste colexio será a construción do novo centro educativo que terá o seu emprazamento na zona do Mariño”. E engadiu: “O de Portosín será un dos colexios de Galicia construído integramente baixo os parámetros do denominado Plan de Nova Arquitectura pedagóxica. Son centros máis amplos e saudábeis, estarán mellor integrados nas contorna e, ou que é máis importante aínda, virán preparados para ser versátiles e dar resposta ás necesidade do ensino dás próximas décadas”, puntualizou o delegado da Xunta.
Tal e como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta, estas actuacións forman parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta aprobada no ano 2021 cunha inxección inicial de 191 millóns de euros para abordar todas as intervencións que se fan nos centros educativos.
Estas actuacións contan co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.