A xerente da entidade Solo Empresarial do Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, mantivo esta semana unha xuntanza de traballa co alcalde de Boiro, José Ramón Romero, na que sentaron os alicerces para impulsar o proxecto de ampliación do Polígono de Espiñeira. De feito, acordaron traballar de maneira conxunta e coordinada para axilizar os trámites do proceso. Segundo comentaron, está prevista a incorporación ao proxecto de elementos como a modernización, a humanización e os espazos verdes.
Ambas as partes coincidiron en que este proxecto de mellora para a localidade e os seus veciños “será unha realidade”. O Concello de Boiro informou a SEA de que os trámites “están xa iniciados para realizar a ampliación” e que nestes momentos “está a traballarse no anteproxecto de avaliación ambiental que modificará o Plan Xeral”.
A xerente de SEA comprometeu que a entidade que dirixe realizará a elaboración dun estudo de viabilidade técnica, económica e xurídica da actuación unha vez que se inicie a modificación do plan co fin de poder realizar os trámites paralelamente para a súa maior inmediatez.
Sestayo felicitou ao Concello polo acordo en canto á súa localización (un acordo conseguido en colaboración co empresariado local) e lembrou que para SEA “a zona do Barbanza é estratéxica para o investimento en solo industrial, xa que conta con moita demanda”.