
O Concello de Ribeira celebrou este venres un acto institucional na praza de España para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres (o 25N). No evento participaron diversas asociacións do concello e tamén a comunidade educativa. O alumnado de distintas escolas instalou nunha rede dornas en memoria de tódalas vítimas de violencia machista no ano 2023.

Posteriormente realizouse a lectura dun manifesto participativo e elaborado dende a Concellería de Igualdade, no que se reafirmou o compromiso co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

“Dende o Concello de Ribeira seguirase apostando pola educación en igualdade, pola coordinación institucional e pola atención ás mulleres vítimas da violencia de xénero”, sinalou a concelleira Veva Betanzos.

De xeito posterior á lectura do manifesto, gardouse un minuto de silencio en memoria de tódalas vítimas, e o alcalde Luís Pérez, pechou o acto recordando a importancia da visibilización e concienciación deste problema e o compromiso do Concello coa prevención da violencia contra todas as mulleres.



