Esta semana pasada foi unha semana de intensa actividade no CEIP Plurilingüe Santa María do Castro (Cabo de Cruz. Boiro), en boa medida pola formación de matemáticas manipulativas (OAOA) organizadas pola dirección do centro na cal foi convidado a participar todo o profesorado dos centros de ensino de Boiro e Rianxo (infantil, primaria e secundaria). Coa colaboración e xestión económica do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI Santiago), un equipo de profesionais do centro púxose mans á obra para desenvolver un grupo de traballo dirixido á cambiar a forma tradicional de ensinar e aprender as matemáticas.

Este labor non é novo, xa que no centro levan levan 3 anos (o cuarto con este) formándose neste ámbito, pero a diferencia radicou en que este curso Lucía Abad Sánchez (directora) quixo ir un paso máis adiante e ofrecer esta formación práctica a toda a comunidade docente dos concellos de Boiro e Rianxo, con independencia do nivel educativo no que estea dando clases o profesorado.
A organización do centro de Cabo de Cruz informou de que a dita idea “tivo tal éxito de convocatoria que reuniu o xoves 16 de novembro no CEIP Santa María do Castro a máis dun centenar de persoas, 108 para ser exactos, ávidas de coñecer que é iso do OAOA (movemento pedagóxico doutros algoritmos para as operacións aritméticas)”.
Comunidade OAOA
A comunidade OAOA está composta por moitos docentes que están permanentemente nun formato metodolóxico de investigación-acción que permite ir xerando infinidade de ideas prácticas para enriquecer e mellorar a metodoloxía. O movemento OAOA, explican dende a dirección do centro, “non só pretende renovar os algoritmos tradicionais (ATOA) das operacións aritméticas, senón que engloba todos os aspectos que teñen que ver con esta disciplina; numeración, cálculo, medida, xeometría, estatística, azar e probabilidade, resolución de problemas…” Algúns materiais que se poden usar son: regretas Cuisenaire, bloques lóxicos, bloques Multibase (base 10), policubos, Xeoplano, Tangram, entre outros.
Nesta primeira sesión de formación de 3 horas houbo tempo para coñecer as orixes deste movemento pedagóxico, “que non método”, que comezou principalmente en Tenerife e que axiña estendeuse a outras comunidades autónomas, entre elas Galicia e mesmo a outros países.

O relator foi Marcos Marrero Cárdenas, mestre diplomado en Educación Física, licenciado en Psicopedagoxía e principalmente apaixonado da didáctica das matemáticas en Educación Infantil e Educación Primaria. Na sesión do xoves explicou ao profesorado presente na biblioteca do cole de Cabo o enfoque co que ensinar ao alumnado diversas estratexias de cálculo para a suma e a resta, de modo que cada quen despois poida utilizar aquela que máis se axusta ao seu proceso cognitivo. “Trátase en definitiva dunha forma de traballar moi respectuosa coa atención á diversidade, que favorece o cálculo mental a lóxica”, sinalou a dirección do centro.
Como complemento a esta formación do profesorado, o venres 17 pola mañá, Marcos estivo nas clases de 1º,2º,3º e 4º de primaria desenvolvendo un obradoiro práctico co alumnado, mesturando en forma de retos matemáticos diversas estratexias de medida coa xeometría. O equipo responsábel do centro recoñeceu que “con este obradoiro o alumnado quedou sorprendido de cantas cousas se poden facer no ámbito matemático de forma lúdica e motivadora”.
Por outra banda a formación do profesorado continuou o venres 17 pola tarde no Auditorio de Rianxo (organizada pola directora do CRA de Rianxo, María Vázquez de la Iglesia) no que 118 persoas coñeceron as distintas estratexias para desenvolver as multiplicacións e divisións, entre outros moitos contidos. As persoas convidadas viñeron dende Santiago, zona do Barbanza, Moaña e incluso da zona de Pontevedra.

Xa fóra do plan de formación do centro pero relacionado coa mesma temática, un grupo de docentes organizaron para o sábado 18 (xornada de mañá) na EGAP de Santiago de Compostela unhas Xornadas OAOA na que estaban matriculadas 120 persoas. Houbo 7 obradoiros prácticos para todas as etapas educativas obrigatorias: xeometría, capacidade e volume, primeiros pasos do cálculo da suma e resta, pensando cos dedos, a división na educación primaria e matemáticas OAOA en educación infantil (este último impartido por dúas mestras do CEIPP Santa María do Castro, Lucía Abad Sánchez e Ana María Places Viturro).
A dirección do CEIP de Cabo de Cruz fixo este balance da experiencia: “Dende o centro cremos firmemente que este tipo de formacións conxuntas onde podemos interactuar co profesorado doutros centros e niveis educativos son unha peza fundamental para crear unha rede de comunicación e de aprendizaxe mutua”.