
O Concello de Outes está a participar, xunto con outros 21 concellos galegos, no piloto do proxecto EC4RURAL, que ten como finalidade “promover a participación rural na transición cara as enerxías limpas a través das comunidades enerxéticas”.
Nun plano máis concreto, a iniciativa pretende afondar e axudar ao cambio de modelo enerxético, en palabras das entidades impulsoras impulsar “un cambio imprescindíbel no actual escenario climático”, e ao mesmo tempo “crear e impulsar as comunidades enerxéticas nos municipios rurais para contribuír á transición cara as enerxía limpas nas zonas rurais europeas”.
Os socios deste proxecto son a Universidade de Vigo (coordinador), a Federación Galega de Municipios e Provincias (España), a Fundación Juana de Vega (España), Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas (España), Sapiens Enerxía (España), Association of Estonian Cities and Municipalities (Estonia), Tartu Rexional Energy Agency (Estonia), European LEADER Association for Rural Development (Bélxica), Estonian LEADER Union (Estonia) e a University of Tartu (Estonia)
O proxecto, que conta cun orzamento de 1,58 millóns de euros (dos cales algo máis de 700 mil euros serán mobilizados en Galicia), está co-financiado polo programa europeo LIFE e comezou a executarse en setembro de 2023 e rematará en agosto de 2027.
Os concellos participantes (municipios que concorren no piloto galego en calidade de “colaboradores externos” para realizar os casos de estudo) son os que citamos a continuación: Mazaricos, Moeche, Ordes, Outes, Tordoia, Vedra, Vilasantar (A Coruña); Avión, Entrimo, Muíños (Ourense), Becerreá, Monterroso, Muras, Ourol, Palas de Rei, A Pobra do Brollón, Sober, O Valadouro (Lugo); O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda e Tomiño (Pontevedra).
Como dixemos, un dos grandes obxectivos do proxecto é impulsar a creación de comunidades enerxéticas en municipios rurais, que se atopan nunha situación desfavorecida en Europa a pesar da súa riqueza de recursos. Trátase tamén de loitar contra o despoboamento, un proceso que xunto co acceso limitado a servizos básicos e ao emprego, tradúcense a miúdo na pobreza enerxética das persoas que habitan nestas zonas, situación agravada polos elevados prezos da enerxía. Así, o reto deste consorcio é “axudar a transformar as relacións entre as autoridades locais e rexionais e as comunidades rurais para contribuír así á transición cara unha enerxía limpa en Europa e garantindo que estas zonas rurais formen parte e se beneficien dos procesos de transición liderados por comunidades que producen electricidade mediante paneis fotovoltaicos”.
Os socios deste proxecto marcáronse unha serie de obxectivos específicos para os catro anos de traballo que teñen por diante. De xeito xeral, comezarase por mellorar a colaboración e o diálogo entre concellos, grupos de acción local, cidadanía e todas as partes interesadas na transición enerxética. De xeito paralelo tratarase de mellorar a concienciación social e o coñecemento social sobre as enerxías renovábeis e os seus beneficios, incluíndo as comunidades enerxéticas como ferramenta. Realizarse unha diagnose da situación actual dos municipios implicados no proxecto para concretar plans e obxectivos enerxéticos máis ambiciosos, en liña coas novas políticas europeas e buscarase fomentar a participación cidadá e o liderado de iniciativas, co fin de reducir as súas facturas de electricidade e aumentar a calidade de vida no rural. As comunidades enerxéticas crearanse en zonas rurais que sofren perdas demográficas significativas e que teñan máis de 10.000 habitantes.
Ao longo dos 48 meses de traballo, o equipo tamén se centrará en mellorar a formación no eido do desenvolvemento enerxético comunitario, tanto dende o punto de vista xurídico como técnico e financeiro dos axentes locais para que poidan apoiar estas iniciativas.



