Conservar e mellorar o espazo fluvial, neste caso que nos ocupa o río Tins de Outes é o obxectivo que teñen o Concello de Outes, as tres universidades públicas galegas e as fundacións CEER e Montescola, con esta iniciativa que forma parte do proxecto ReNatur_Outes [1,2,3]. Este proxecto farase realidade o venres 15 de decembro, data na que se celebrará, a partir das 17h no Centro Social da Serra de Outes, o Foro do río Tins. Estamos perante unha actividade aberta a todo o público coa que se quere dar voz á veciñanza e ao tecido asociativo local para que esta sexa partícipe nas estratexias de conservación e mellora deste río.
O foro comezará cunha introdución, na que o equipo de proxecto fará un repaso dos eixos principais desta idea de renaturalización fluvial desenvolvidas até o momento.
De seguido celebrarase unha sesión de gobernanza co obxectivo de consensuar coas persoas participantes unha proposta de Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da veciñanza ribeirá. Tamén se dará conta das achegas realizadas nas semanas previas pola comunidade educativa, colectivos locais e persoas a título individual, unha vez que a proposta de declaración estea aberta a comentarios tanto desde a web do proxecto como fisicamente na Casa do Concello.
Cómpre salientar que esta é a primeira vez que desde un concello se recoñecerán os dereitos dun elemento natural, dotándoo dunha carta no que se establecen desde o dereito a non ser contaminado ou danado por actividades humanas até o dereito á protección e conservación. A proposta de declaración tamén recompila os compromisos da veciñanza das ribeiras do Tins así como das súas institucións, incluíndo os de actuar en caso de calquera violación dos dereitos do río e a participar na súa conservación e mellora.
Engadir que a Declaración se encadra nas experiencias internacionais de recoñecemento dos dereitos da natureza, establecendo dereitos intrínsecos asociados a diversos ecosistemas. Xa son máis de 30 os países nos que se adoptaran instrumentos lexislativos para o seu recoñecemento, en moitos casos referidos a determinados cursos fluviais como o río Whanganui en Nova Zelandia, o río Ganxes na India, o río Buriganga en Bangladesh ou o río Atrato en Colombia.
Subliñar que o Tins será o primeiro río de todo o Estado ao que se lle recoñecen os seus dereitos, logo de que en 2022 se recoñecese a lagoa do Mar Menor como un ecosistema suxeito de dereitos.
Como xa apuntamos ao comezo desta nova, este proxecto está liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes e conta coa participación de persoal investigador das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Indo aos propósitos desta idea, entre eles están: a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial e a sensibilización medioambiental, isto último mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes ao longo de toda a vida do proxecto mediante a celebración de sesións de gobernanza.