Lavadoiro, o proxecto artístico-audiovisual de Ana Amado e Lois Patiño que aborda o rol esencial destas construcións na vida das mulleres como lugares de traballo doméstico e tamén de socialización, estará estes meses de novembro e decembro en diferentes localidades da nosa comarca. En concreto, o día 29 de novembro exhibirase en Ribeira, o 30 en Porto do Son, o 1 de decembro en Rianxo e o 2 de decembro en Boiro. Esta xira abéirase á programación do ciclo #4x3Outono de Cultura da Deputación da Coruña.
A arquitecta e fotógrafa Ana Amado, xunto co cineasta galego Lois Patiño, deseñou unha intervención efémera, fotografada e gravada nunha peza audiovisual.
Recentemente presentouse o proxecto nos muíños de San Tomé de Baroña (Porto do Son). No acto, organizado pola Comunidade de Montes Baroña, a artista Ana Amado fixo saber que Lavadoiro naceu co obxectivo de “dar visibilidade ao valor do traballo doméstico non remunerado das mulleres do rural, así como recoller o patrimonio material e inmaterial dos lavadoiros como lugar de traballo pero tamén de reunión e debate”.
Segundo engadiu, o traballo comezou cunha investigación arredor dos lavadoiros que puxo o foco no seu carácter de “elementos arquitectónicos singulares e de gran valor patrimonial” pero tamén como “lugares exclusivos de mulleres, onde se levaban a cabo unha de tantas tarefas domésticas que tiñan realizar no seu día a día e que, por desgraza, non eran recoñecidas nin agradecidas”.
Froito destas pescudas xurdiu a idea de facer unha curtametraxe da man de Ana Amado e como director o cineasta galego Lois Patiño, rodando as escenas entre os lavadoiros de Artes, o das Pinisqueiras en Aguiño (os dous no concello de Ribeira) e nas pozas de San Tomé en Baroña, en Porto do Son, contando como protagonista de varias mulleres locais sin experiencia previa no sector audiovisual pero que compensaron esta falta de bagaxe cinematográfica cunha importante dose de autenticidade (testemuñas directas).
En Baroña filmáronse e recolléronse datos e información das mulleres que a día de hoxe aínda seguen lavando a diario no lavadoiro de Vilar.
O proxecto conta co apoio dunha subvención da Deputación da Coruña e a colaboración dos Concellos de Ribeira e Porto do Son, ademais do apoio de personalidades como o arquitecto Carlos Seoane, autor da restauración do Lavadoiro de Artes, ou o arquitecto inglés David Chipperfield, afincado en Corrubedo.
Ana Amado tamén salientou a “enorme axuda que particulares en Ribeira e Porto do Son e entidades locais como a Comunidade de Montes de Baroña en asuntos como a loxística, permisos, montaxes de escenografía, etc, facilitándonos o contacto coas mulleres locais usuarias de lavadoiros, que nos están achegando testemuños valiosísimos que é absolutamente necesario rescatar do esquecemento”.
Así explicou Ana Amado o traballo previo de campo: “Ao longo dos meses de desenvolvemento do proxecto e investigación previa, descubrín que non hai moito escrito sobre o tema dos lavadoiros, non só como elementos arquitectónicos singulares e de valor patrimonial senón como artefactos ligados ao traballo da muller, e tamén como lugares de reunión, privados e exclusivos, das mulleres, onde ademais de lavar a roupa da familia falaban, discutían, e apoiábanse unhas a outras. Espero que o noso proxecto axude a visibilizar o esquecido e non recoñecido valor do traballo doméstico das mulleres baixo a mirada única e máxica de Lois Patiño, autor de películas como Lúa Vermella ou Costa da Morte, que, sen dúbida, saberá enxalzar tamén as singulares características paisaxísticas e os valores culturais, etnográficos e patrimoniais das tres localizacións elixidas para a curtametraxe”.
É importante ademais destacar que tanto a autora do proxecto, como os seus protagonistas, e gran parte do equipo técnico e humano, son mulleres.