O Concello de Ribeira emitiu un comunicado en relación á visita do presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, a Ribeira este 31 de outubro, unha visita á que o Goberno local asegura que non foi convocado, non así a portavoz do PP en Ribeira, que si tivo ocasión de acompañar ao titular do ente autonómico, sinalan. Por este motivo, o Executivo local manifestou no escrito o seu descontento ante o que considerou un “desplante institucional”.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e o concelleiro do Mar, Fernando Abraldes, recordan no comunicado que recentemente mantiveron unha reunión co presidente de Portos para trasladarlle necesidades das infraestruturas locais e intentar abordar melloras nos distintos portos do Concello. Na devandita reunión achegáronlle a disposición do Goberno local de colaborar na resolución de tódolos problemas dos peiraos.
O Goberno local manifestou no comunicado a súa “preocupación”, pola visita deste martes 31, da que non foi informado, xa que “a considera un desplante aos intereses da veciñanza e do sector do mar ribeirense”.
O alcalde Luís Pérez enfatizou “a necesidade de que as institucións traballen xuntas para abordar os desafíos e as oportunidades que enfronta o sector do Mar”. E engadiu: “Dende o Goberno de Ribeira seguiremos a traballar coa man tendida e coa vontade de chegar a bo entendemento con tódalas administracións; para velar polos intereses de tódolos veciños e veciñas e pola xestión eficaz dos nosos recursos”.



