O Concello de Boiro propón para o seu debate e aprobación no pleno desta semana a aprobación inicial do seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Este documento ten como obxecto “establecer unha estratexia orientada a mellorar a mobilidade no municipio, así como a súa competitividade e equidade, aumentando a seguridade e calidade de vida”, en palabras do Goberno local, que explica tamén que se ben “Boiro non ten a obriga de contar cun PMUS, este é un documento que precisan os Concellos para a obtención de determinadas axudas, como son aquelas de fondos Next Generation”. Con este estudo detéctanse e identifícanse as necesidades existentes de cara a planificar e coordinar aquelas actuacións que van favorecer a mobilidade e accesibilidade no municipio.
Para desenvolver este Plan de Mobilidade realizáronse varias fases de estudo. En primeiro lugar realizouse unha toma de datos, mostra e análises mediante medidores de capacidade en distintas estradas do termo municipal e cuantificar o número de vehículos e a súa tipoloxía. Desenvolvéronse tamén enquisas á poboación, centros de viaxeiros e de ensino, así como a grandes empresas e o sector comercial.
O resultado dese traballo é “un documento que busca racionalizar o uso dos modos de transporte cun uso máis sustentábel dos mesmos, apostando pola promoción de medios alternativos coo a mobilidade peonil, a bicicleta ou o trasporte público, garantindo unha mobilidade privada máis eficiente, a accesibilidade a centros de ensino, centros comerciais e de servizos e zonas industriais”.



